XXIV Aniversario mártires da UCA

Dende Irimia achégannos este texto en lembranza dos mártires da UCA:

Hoxe, 16 de novembro celebramos o 24 aniversario dos mártires da UCA (O Salvador). Con este motivo, o xesuíta Michael Czerny, que foi director do Instituto de Dereitos Humanos da UCA, escribiu unha carta aos seus antigos compañeiros do país americano. Hoxe é o asistente persoal do cardeal Peter Kodwo, presidente do Consello Pontificio de Xustiza e Paz.

«Penso con frecuencia nos nosos mártires; considero que a súa vida e o seu sacrificio foron unha contribución decisiva para a xustiza e a paz. O seu sacrificio non foi en balde. Ningún mártir na longa historia da nosa Igrexa derramou o seu sangue en balde, aínda que o martirio ten moito de misterio, como o de Monseñor Romero, que foi arrincado deste mundo cando máis necesario era para a defensa da vida dos pobres do Salvador.

O martirio, desde logo, sempre dá froitos: así como o martirio no cristianismo primitivo provocou a pregunta dos paganos sobre a fe cristiá e, en non poucos deles, conduciu á conversión, trouxo paz á Igrexa, probou a fe e reconciliou aos seres humanos con Deus; así tamén, o martirio de Monseñor Romero e o dos mártires da UCA contribuíron enormemente á reconciliación e á construción das bases dunha sociedade menos autoritaria, máis aberta e cun proceso democrático en progreso continuo aínda que difícil.»

(Tomado e traducido ó galego de: http://www.jesuitas.es/index.php?option=com_content&view=article&id=800:24-aniversario-de-los-martires-de-la-uca&catid=34:jesuitas-espana&Itemid=63)