Un fogar ecolóxico para nenos abandonados en Haití. Este proxecto localízase en Titanyen, unha pequena poboación a 45 minutos de Porto Príncipe. O «Fogar ecolóxico» será o fogar de aproximadamente 500 nenos abandonados e incluirá unha escola de primaria, outra de secundaria e un centro de educación profesional.
A intención da Fundación Montesinos, promovida polos dominicos haitianos, é crear un lugar que sexa autosuficiente, a través do traballo da comunidade e a participación dos nenos. Por esa razón, forman parte do proxecto algunhas actividades comerciais agrarias, tales como unha granxa de galiñas para produción de ovos, unha granxa porcina ou unha fábrica de zume de laranxa. Todas estas actividades desenvolveranse na escala necesaria para prover o sustento económico do proxecto nun futuro próximo.
Unha Campaña de Nadal animada polos máis novos
Na Asemblea parroquial 2013 formulouse a necesidade de ir dando pasos para que os máis novos da nosa comunidade afondasen en accións de compromiso da súa vida que complementara o seu proceso de educación na fe. Por esa razón pensouse que deixar nas súas mans a animación da Campaña de Nadal podería ser unha boa oportunidade de iniciar neles o interese por iniciar un camiño estable de participación, de vinculación á comunidade e de crecemento persoal.
O seu labor fundamental será responsabilizarse de dar a coñecer a campaña dentro da comunidade (tanto «cara a arriba»: os adultos, como «cara a abaixo»: os nenos en etapa de catequese), animala, e promovela polos medios de que sexan capaces (Xa está en construcción un pequeno blog e unha campaña de cartelería) Os seus educadores esperan grandes cousas deste proceso.
Isto non debería ser ocasión de que os adultos nos desentendésemos, senón máis ben ao contrario, de que poñamos entre todos máis esforzo que nunca, para que o sono destes nenos e nenas de Haití se faga realidade, tamén coa nosa axuda.