Parrotroca no Magosto

Un dos acordos da última asamblea parroquial foi a dinamización da parrotroca. Como primeiro paso dun proceso que esperemos leve á esa revitalización, na que xa se está a traballar, aproveitaremos a festa do magosto do vindeiro día 16 de novembro para presentar unha mesa de troco na que poderemos practicar un pouco de economía solidaria e alternativa, unha economía baseada no intercambio e no consumo responsable, no ben común antes que no consumismo exacerbado.

Por todo isto, ao longo da tarde de festa a mesa de troco será o espazo físico para deixar aqueles obxectos que temos na casa e non precisamos e que outras persoas poderían aproveitar. Tal vez atopemos de paso algunha cousa que nos sirva sen ter que pagar cartos por ela… estaremos así, case sen decatarnos, dando pequenos pasos no camiño cara ese outro mundo posible e cada vez máis necesario…