O 22 de agosto chegaron as respostas da Xunta de Galiza, por letra da Consellería de Traballo e Benestar, aos escritos presentados o 27 de xuño cos que pediamos unha renda básica a través do exercicio do dereito de petición.
A resposta, que achegamos aquí: odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/inadmision_xunta.pdf, pode resumirse nunha palabra INADMITIDA.
Ante esta non resposta non imos quedar nin caladas, nin paradas polo que adiantamos que o venres 20 de setembro ás 11h30 estaremos no edificio administrativo da Xunta de Galiza para facer unha entrega colectiva do recurso que deixamos neste enlace: odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/reposicion_xunta_final.odt
Esgotaremos os camiños legais que sexan necesarios, e por iso animamos ás persoas que asinaron a folla de denuncia social que presenten o venres 20 o recurso.
Para preparar o acto do venres quedamos o martes 17 ás 17h00 nos locais parroquiais do Cristo da Victoria. Nesa data as persoas que entregaron a folla de denuncia social poden consultar as dúbidas que lle provoque este «baile de papeis».
A unha compa da ODS-Coia a non resposta da Xunta lle provocou este textiño:
Inadmitidas
Inadmitidas. Con esta palabra a Xunta de Galicia quere resolver a nosa esixencia colectiva dunha renda básica.
Os poderes acotío empregan esa palabra, inadmitida, para quitarnos do medio. Pensan que poñendo «inadmitida» non hai nada máis que dicir.
Aínda que a escoitemos, inadmitida, demasiadas veces, inadmitida, non nos afacemos a estas dez letras, inadmitida.
Por non cumprir os requisitos; por ser muller; por esgotarse o prazo; por non dar o perfil; por non pagar; por razóns de orzamento; por non ter os anos cotizados; por non ter papeis; por ordes dos superiores…
A súa labia non ten fin, ao igual que os seus devezos. Non nos admiten porque sobramos ao igual que lles sobran os escasos dereitos rabuñados na loita.
Pero algunhas… comezamos a falar, a comprender, a cuestionar, a experimentar…
A vivir iso de que xuntas a calquera parte soas a ningunha.