[Xabier Blanco e Manolo Regal] Como xa vos temos contado, o 14 de setembro agárdannos en Santa Uxía de Lobás Inés de Sanabria, a dona Esperanza, María Castaña, María Balteira, Pepa a loba, María Soliña, Lola Touza, Rosalía de Castro. E tamén unhas amigas moi especiais e entrañables, as mulleres que tiveron o privilexio de seren amigas, compañeiras, discípulas de Xesús de Nazaré. Elas queren estar con nós, queren tomar a palabra para dicirnos que lles supuxo atoparse no camiño da vida cunha persoa tan acolledora, tan relixiosa, tan curadora, coma o Mestre de Nazaré. E nós tamén estamos ansiosos e ansiosas agardando a súa palabra: “Que falen Marta e María, que nos fale a Magdalena, que nos conten de Xesús, cousas de alivio nas penas, pois a xente anda aflixida sen ver a luz entre as tebras”.
En exclusiva para a nosa revista, María Magdalena, Marta e María adiántannos algo do que queren compartir con nós.
MAGDALENA: De Xesús? Falar eu de Xesús? Falaría o día enteiro e non faría máis ca empezar. Eu era unha muller completamente desnortada; no meu tempo, por dicir algo, dicían de min que tiña sete demos, que é moito demo xunto, eh! Algúns, que non pensaban máis ca no puterío, deseguida dixeron que eu non paraba de andar cos homes. Pero non era así; é certo, eu andaba perdida de todo, tiña a vida desfeita, andaba completamente desacougada, non tiña parella, non sabía que facer coa miña vida, porque todo o que se me ofrecía non me enchía o corazón. E daquela foi cando coñecín a Xesús. Foi marabilloso!
MARTA: Algo así me pasou a min, aínda que eu levaba unha vida máis asentada na compaña da miña irmá María e do meu irmán Lázaro. Eu era un “férvelle-férvelle”, non tiña acougo tampouco; a vida íaseme en andar da acó para aló, andaba sempre coma flotando. Na casa amigamos moito con Xesús, e axudoume moito a facerme unha muller nova. Collinlle gusto á vida. Agora sei sentar e acougar, sei parar e conversar, sei escoitar, sei encher os meus silencios coa vida que me rodea, e sei levarlle á xente algo máis ca ruído e axitación. Tamén foi marabilloso!
MARÍA: Pois a min Xesús tamén me encantou. Eu era unha muller sosegada, e el veulle dar corpo e fondura ao meu sosego. Con el aprendín a descubrir a Deus dentro do meu corpo de muller, dentro da miña vida de cada día. Xesús aprendeume moito a abrir a casa, a nosa casa, para facer dela fogar de camiñantes, lugar de encontro e de conversa, de paz e de alento. E, si, coñecer a Xesús tamén foi para min algo marabilloso!
MAGDALENA: Xa che dixen que, se me poño, teño para o día enteiro. Ademais eu son faladora, encántame a conversa. Coma a Xesús. Ves, esa era outra cousa que lle encantaba a Xesús: falar. Por iso conectamos tan ben. Tiña o don da palabra cálida, viva, animadora; palabra que unía, que facía grupo, que facía comunidade, que facía pobo. E eu deixeime coller pola súa palabra, e entrei no grupo de Xesús. Andabamos con el dunha parroquia para outra. Eramos as discípulas de Xesús. Había os discípulos e tamén había as discípulas de Xesús.
MARTA: Si, a miña irmá María e máis eu tamén eramos das discípulas de Xesús, aínda que nós non andabamos polos sitios con el. Pero a nosa casa sempre estaba aberta, cando chegaba Xesús con aqueles homes e mulleres.
GUIEIRO: Ui!, a cousa seguro que daría moito que falar. Naqueles tempos, andar así homes e mulleres, todo revolto!
MAGDALENA: Dimo ti a min! Deseguida me enlearon con Xesús, dicindo que entre nós había algo máis ca amizade. Xa sabedes como é a xente.
GUIEIRO: Pero, a ver, Magdalena, realmente non había algo máis ca amizade entre ti e Xesús? Ata o día de hoxe séguese a falar dese asunto. Sé sincera, que agora a cousa xa pasou.
MAGDALENA: Pois si, eu cheguei a namorarme de Xesús. A súa presenza, a súa palabra, conmocionou tan a fondo a miña vida toda, que quedei totalmente engaiolada por el. Máis dunha vez quixen manifestarllo, pero non ousei. Estou segura de que el se decataba de todo o que pasaba pola miña vida. Nunca se arredou de min. Recibín del atención e aloumiños, compaña e alentos. Eu sentía tamén que el me quería a fondo. Pero era como quería a calquera home ou muller que se cruzaba no seu camiño. Pouco a pouco aprendín a amalo sen querelo exclusivamente para min. Ás persoas que andabamos con Xesús pasábanos algo así: casadas ou solteiras, iamos entrando nun espazo de amor novo, que nos liberaba, que nos ancheaba a vida.
MARÍA: Estou totalmente de acordo coa Magdalena. A min tamén me pasou así. Cando chegaba onda nós, a casa enchíase de luz e o meu corazón refrescábase e facíase novo, adolescente. Seguro que a moitas e moitos de vós tamén vos pasa outro tanto. Así son as cousas, os amores de Xesús!
Bendito, Xesús, bendito, bendito, Xesús amigo, nas horas de calma, urxencia, nas horas de urxencia, alivio. Vivan homes e mulleres, viva a vida, viva o amor, viva a xente solidaria en Xesús o seu vigor!
MAGDALENA: Tamén vos quería dicir que o recordo de Xesús que máis se me quedou no corazón, era aquel seu partir e repartir o pan, sobre todo cando o fixo na Última Cea. Foi impresionante! Non volo podedes imaxinar. Estabamos alí todos, todas, discípulas e discípulos. Había moita tensión, moita paixón no ambiente. Respirábase amor e traizón, decisión e covardía. De golpe, nun pronto desconcertante deses aos que con frecuencia nos tiña afeitas, colleu o pan, XXXVI Romaxecolleuno así, concentrouse, a súa ollada chegábanos a todas e cada unha de nós cunha intensidade enorme, invocou o nome de Deus como sempre o facía, cunha tenrura inimaxinable, e partiu o pan, así, en anacos, ao tempo que ía dicindo…
María Magdalena emociónase tanto lembrando a Xesús que mesmo nolo quere contar xa todo no artigo, pero nós dicímoslle que é mellor agardar ao 14 de setembro porque estas cousas mellor vivilas cando estamos todas e todos xuntos, reunidos, compartindo a nosa Fe e a nosa Galeguidade, como diría o noso Amigo e Patriarca Pepe Chao. Vémonos!
—
Fonte: http://irimegos.wordpress.com/2013/07/20/xxxvi-romaxe-de-romaxe-coas-discipulas-de-xesus