A coñecida como Taxa Tobin -unha taxa sobre as transaccións financeiras transfronteirizas- poderíalle pór o axóuxere ao gato da evasión fiscal. Entre as múltiples calidades que os seus defensores esgrimen para a súa aplicación, aprobada xa por once países europeos para 2014, entre eles España, está a de facilitar o rastrexo dos fondos que se poden mover cara aos paraísos fiscais. Esta «trazabilidade» das operacións financeiras máis comprometidas é un dos principais alicientes para dinamizar a economía, en opinión do director de Intermón Oxfam España, José María Beira.
Oxfam presentou a semana pasada as súas principais conclusións sobre a futura aplicación desta taxa na UE. Segundo os seus cálculos, se se despregase con todas as seus posibilidades en España, podería supor unha recadación de 5.000 millóns de euros. En principio o pactado entre os once países que a aplicarán é un tipo mínimo do 0,1% sobre a compravenda de accións e bonos e un 0,01% sobre produtos derivados. A ONG, que aglutinou os movementos a favor deste imposto, está convencida de que a distorsión no mercado financeiro será «mínima» pola contía da taxa.
É pouco probable que fose unha coincidencia que a noite antes de que Oxfam presentase este estudo, se filtrase un documento interno de traballo dos países que subscribiron a taxa ( Francia, Alemaña, Bélxica, Austria, Eslovenia, Portugal, Grecia, Eslovaquia, Italia, España e Estonia) na que expuñan as súas dúbidas sobre a súa aplicación e os temores a que prexudique o mercado de débeda secundaria onde moitos estados se refinancian.
Segundo o documento, publicado inicialmente polo laboratorio de ideas británico OpenEurope (Reino Unido non se adheriu á taxa, nin tampouco Irlanda), pero difundido rapidamente por moitos medios, a aplicación dun imposto sobre o mercado de débeda secundaria, o que tamén se coñece como repos, suporía unha especie de microquita para os investidores, o que desincentivaría o seu investimento.
Nun momento no que os custes de financiamento das arcas públicas son unha das principais preocupacións en Europa, este razoamento esgrimido polos países é unha arma ameazante en toda regra. Desde a ONG recoñecen que a presión dos lobbies contra este imposto está no seu momento máis alto e pidenlles aos Gobernos que sexan fortes ante estas iniciativas.
En principio, España debe aplicar a taxa en 2015, unha vez que os once países ratifiquen o imposto, pero ten liberdade para facelo antes de forma parcial, como fixo Francia. Fontes de Facenda recoñecen que a súa intención é preparar a normativa a tempo para que estea dispoñible nos orzamentos xerais de 2014. Con todo, este imposto non estivo entre a batería de medidas impositivas anunciadas este venres polo ministro Cristóbal Montoro. Si se anunciou a aplicación doutro imposto sobre a banca, a polémica taxa sobre os depósitos que deseñaran algunhas comunidades autónomas pero que o Estado deixou inoperante ao crear este novo tributo.
A taxa sobre o pasivo da banca, que na súa maior parte está formado por depósitos bancarios, recadará un 0,2 por mil do pasivo das entidades financeiras, que serán as que deberán aboar o imposto. En total, o Estado espera recadar entre 250 e 300 millóns de euros, un montante moi moderado.
Distribución do recadado
Respecto da Taxa Tobin, a outra cuestión que está por discernir é o destino dos fondos que se recaden. Tras adoptar a idea do Nóbel de economía James Tobin, as ONG pensaron que se debía destinar á loita contra a pobreza mundial. No ánimo de Intermón Oxfam está que se dediquen a metade dos ingresos conseguidos en España aos colectivos excluídos, e que a outra metade vaia a cooperación internacional.
A principal partida de gasto que contempla na súa repartición a ONG é unha renda de inserción que sirva de colchón para as familias que non están cubertas por ningunha das prestacións nin subsidios actuais. Esta liña de gasto levaría ao redor de 1.800 millóns de euros e cubriría as necesidades básicas de 476.000 fogares españois, o equivalente a 1,2 millóns de persoas.
Intermón lembra que agora mesmo estas rendas básicas dependen das comunidades autónomas. Pola dificultade para cambiar a lexislación actual, o máis sinxelo para poder distribuír este montante sería relaxar os actuais criterios da Renda Activa de Inserción que si ten competencia estatal.
En canto ao diñeiro que se destinaría fóra das fronteiras españolas, Oxfam cre que a maior parte debería destinarse a loitar contra o cambio climático, xa que foi un dos obxectivos máis esquecidos por parte de todos os Gobernos tras a chegada da crise. Este obxectivo levaría 750 millóns de euros. A loita contra a fame (500 millóns de euros) ou os programas de sanidade pública (350 millóns de euros) serían as outras partidas máis significativas.
Esta proposta da ONG é pouco probable que calle no Executivo conservador, que ten unha perentoria necesidade de recadar efectivo para reducir o déficit estatal e cubrir algunhas das principais expensas do Estado: pensións e prestacións por desemprego.
—
Fonte: http://praza.com/economia/4298/a-taxa-tobin-fara-que-os-movementos-a-paraisos-fiscais-deixen-pegada-segundo-oxfam/
I keep listening to the news broadcast speak about receiving boundless online grant applications so I have been looking around for the best site to get one. Could you tell me please, where could i acquire some?