A nosa comunidade do Cristo da Victoria celebrou un ano máis a Semana Santa, que foi preparada coidadosamente polas comunidades de adultos e mozos e tamén polos grupos de nenos e adolescentes que se encargaron de converter a Misa de Ramos en Eucaristia de familia.
Abrimos a Semana Santa coa Celebración do Domingo de Ramos. Os ramos e palmas bendicidos este ano aclamaron a un Xesús comprometido cos Dereitos Humanos expresados en pancartas: «RESPECTO AO MEDIO AMBIENTE» «EDUCACION GRATUÍTA «, » IGUALDADE » SANIDADE GRATUÍTA PARA TODOS», “ALIMENTOS PARA TODOS”. Dese xeito aclamábamos a un Xesús que nos acompaña nas nosas loitas e nos transmite valores na nosa catequese.
O xoves santo estreamos pancarta: “Non podemos calar». Non podemos calar neste momento e neste día de Xoves Santo, día do amor fraterno, a solidariedade de Xesús cos máis desfavorecidos e a súa aposta por un mundo novo. Cinco mesas con distintos símbolos axudáronnos a descubrir que a nosa mesa da comunidade é unha mesa sempre unida a outras mesas: a «mesa das persoas maiores», » a mesa das familias desestruturadas», a «mesa dos afectados pola crise», a «mesa dos nenos e mozos marxinados», a «mesa dos marxinados e marxinadas na Igrexa» e a «mesa de todos os empobrecidos, sobre todo do chamado sur». Todas elas significaban loitas e servizos da nosa comunidade animada polas loitas e servizos de Xesús. El estivo connosco compartindo a súa palabra e a súa persoa baixo os signos do pan e o viño que logo deixamos na capela como iconas para a oración. Ante este Xesús oramos comunitariamente na mañá do venres descubrindo nel as facetas do “profeta que non puido calar». Non puido calar ante a relixión oficial e os poderes económicos e políticos. Recordamos a súa indignación no templo. Intentamos con El comprometernos tamén a superar unha relixión «light» e vivir unha «relixión indignada». Compartimos con Xesús tamén a indignación ante o silencio e abandono do Pai e descubrimos, como El, que Deus sempre está aí a darnos forza e vida para loitar sen desmaio contra toda opresión. Unha preciosa canción animábanos porque » o amor de Deus non remata, nin a voz de Deus se perde».
“Non podemos calar ante a morte do amigo Xesús e de tantos amigos e amigas que nos rodean”. A cruz salvadora de Xesús foi recordada minuciosamente dende as palabras do profeta Isaías e a lectura dos últimos días de Xesús no Evanxeo. Algunhas cancións do cantautor Ricardo Cantalapiedra axudáronnos a interiorizar o final do camiño de Xesús. Ante este Xesús recordamos na nosa oración a todos os crucificados de hoxe e fixémolos presentes unindo as súas cruces ás de Xesús: afastados, parados, presos, vítimas da violencia, sen fogar, enfermos, os que están sós, as vítimas da droga…
Nun momento a cruz e as cruces unidas a ela adquiriron unha cor verde-esperanza… Todos eses sufrimentos e os de quen lles acompañaron e lles acompañan non foron nin serán inútiles e apuntan a un futuro mellor.
A Vixilía Pascual comezou cunhas palabras en ton coloquial dirixidas á imaxe do Cristo da Victoria da nosa igrexa, «tanto tempo aí e á vez tan descoñecido» no seu simbolismo de cruz-resurrección, dor-paz, crucifixión-vitoria… A luz de Xesús foi precedida doutras luces vermellas que significaban compromisos dolorosos, e outras luces verdes de persoas que representaban ilusión e esperanza. Esas luces prenderon de forma espontánea o cirio pascual símbolo da luz do Crucificado-Resucitado. O pregón pascual, anuncio da Resurrección e dun mundo novo do cal vivimos xa as primicias, completou o rito da luz. As lecturas bíblicas recordáronnos que o que no onte aconteceu repítese no hoxe da comunidade. Unha breve homilía compartida axudounos a descubrir no hoxe esas presenzas do Deus da Vida e de Xesús Resucitado. Con elas recordamos a auga de vida do Espírito de Xesús que un dia recibimos e que é capaz de sanear as augas turbias que hai en nós e ao noso arredor. Un neno pediunos axuda e compañía nas súas promesas bautismais. A eucaristía, memoria da vida-morte-resurrección de Xesús completou estes ritos. Un manifesto final (“non podemos calar a utopia dunha sociedade e unha igrexa mellor”), o canto do barrio, e o roscón de pascua compartido en calida convivencia completaron a xornada do sábado e puxeron fin a Pascua 2013.