A xente de Baladre en Galiza, dentro da cal está a ODS-Coia animan a participar na 1ª semana pola renda básica das iguais. Achegamos a convocatoria coas datas das presentacións:
Movéndonos polo dereito a vivir dignamente, movéndonos pola RBis! Con este lema as xentes de Baladre e colectivos parceiros avanzamos a programación da 1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais.
O pasado mes de decembro, co galo da presentación en Compostela do libro “Repartindo a nosa riqueza”, que expón os resultados do estudo de viabilidade da RBis en Galiza, as persoas que vimos dinamizando a proposta no noso territorio decidimos dar uns cantos pasiños máis.
De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta a hora de dar resposta á precarización que afoga a cada vez máis persoas – segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían a enorme dificuldade que supón chegar a fin de mes-, e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas, propuxémonos movernos polo dereito a unha vida con dignidade e igualdade.
Así, do 25 e 31 de xaneiro poñemos en marcha a 1ª Semana Galega pola Renda Básica, na cal terán lugar actividades en diferentes cidades e vilas do país. A espera de pechar os últimos detalles para a programación final, xa podemos dar conta das actividades que están confirmadas a día de hoxe:
Venres 25
20h00 – Centro social O Gorgullón (Rúa Curtidoira 3) – Organiza: Colectivo Encontro Benestar Social – PONTEVEDRA
Sábado 26
12h00 – Fórum Própolis (Rúa Barcelona 115 Soto) – A CORUÑA
16h30 – Obradoiro de RBis e xénero – Libraría Lila de Lilith – COMPOSTELA
17h00 – Centro social okupado autoxestionado XUNTAS (Rúa do Carmen 1, entrada por Baixada a igrexa 10) – VIGO
Domingo 27
19h00 – Núcleo Confederal CNT (Camiño do Castelo, 10) – Organizan: CNT e Ateneo Libertario – ALLARIZ
Luns 28
19h00 – Espazo Cultural Alternativo EsCuA – Organiza: Adiante – OURENSE
Martes 29
10h a 12h – Facultade Traballo Social – OURENSE
20h00 – Sala polivalente da casa do Dr. Dopeso – AS PONTES
20h00 – Salón de graos Facultade Ciencias Económicas – Organiza: Liga Estudantil Galega – COMPOSTELA
Mércores 30
19h30 – Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado – Organizan: A Cova da Terra e Na Encrucillada – LUGO
Xoves 31
11h30 – Centro Cívico do Casco Vello (Rúa Oliva 12) – Organiza: grupo IMAN – VIGO
20h30 – Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra 12) – VIGO
Durante esta semana de loita polos dereitos sociais, trataremos de achegar os fundamentos no que se asenta a proposta da Renda Básica das Iguais, tanto a viabilidade económica coma social da mesma, ao maior número de persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situación de maior vulnerabilidade como é o caso das persoas sen fogar, afectadas polo VIH, familiares de persoas presas ou mocidade. Respecto a este último grupo, o desemprego e os paulatinos recortes nas bolsas e axudas ao estudo están a facer que a emigración volva a ser a única perspectiva de futuro para moitas mozas e mozos. A esta altura, xa son 70 o número de mozas e mozos galegos que cada día parten a buscarse a vida noutro lado, coa conseguinte sangría demográfica e social que supón tal exilio económico forzoso.
Tamén abordaremos a relación entre a RBis e as propostas do feminismo dirixidas a desprazar os mercados e situar a vida con dignidade no centro das preocupación e decisións do conxunto da sociedade. Isto será nun obradoiro que terá lugar na Libraría Lila de Lilith en Compostela, organizado por un grupo de formado a partir das Xornadas Ecofeministas celebradas nesa localidade no mes de decembro. Nesta actividade, acordopuse crear grupos en base a liñas de traballo futuras entre as cales se atopaba a Renda Básica das Iguais. O obxectivo final é promover un achegamento das activistas e grupos feministas do país a esta proposta, traballándoa e dinamizándoa nunha chave de xénero que incorpore ademais a idiosincrasia da realidade galega na súa proposta.