Tras varios anos de traballo as xentes de Baladre en Galiza xa nos poden ofrecer os resultados do estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza en forma de libro. Nas follas ademais de demostrar a viabilidade económica, e tamén política, da proposta da Renda Básica das iguais, atoparemos reflexións ao redor da RBis, as impresións de persoas e colectivos sobre como lles cambiaria a vida coa RBis e moitas máis cousas.
No libro Coia, o noso barrio, está moi presente en forma de pequena historia dos anos de loita, con imaxes… Tamén nun dos apartados do libro temos as impresións dun encontro coa xente do programa Sereos sobre este asunto.
Achegamos as palabras de Mari Fidalgo nun dos textos que abren o estudo:
«Unha comunidade está conformada por persoas que van actuar como forza de traballo e outras que non, xa sexa pola franxa de idade, estado físico ou ben por decisión propia. E todas precisan ser coidadas e ter garantidas unhas condicións de vida saudábeis. A condición de ser humano é o elemento primario da xeración de tal dereito e, a concepción da fraxilidade e interdependencia que caracteriza a nosa existencia, o sustrato para formular propostas que aborden a centralidade da vida como premisa para o reparto da renda e a xustiza social.
Formulacións que non só permitan satisfacer as necesidades básicas -tanto as materiais, como emocionais, sanitarias, relacionais, culturais, identitarias e políticas- e vivir con dignidade, senón que abran espazos de cuestionamento da orde vixente e permitan avanzar algúns pasos na construción de procesos amplos de transformación social.
Pasar da histórica reivindicación do emprego a que sexa a vida, a existencia humana con dignidade, a que estea no centro das preocupacións políticas e sociais, é facer unha aposta firme pola RBis».
O libro o poderedes atopar na ODS-Coia a un prezo de 10€.