Convocadas pola parroquia do Cristo da Victoria de Coia, a ODS-Coia (Oficina de Dereitos Sociais -Coia) e as xentes do G.A.S. (Grupo de Axitación Social) máis dun cento de persoas concentrámonos diante do Concello de Vigo para pedir respostas polas “vítimas do sistema, as vítimas das administracións, as vítimas da inxustiza”.
Na entrada da casa de todas as viguesas apareceu un cemiterio cheo das vítimas que sofren ante a falta de recursos, ante o medo aos cortes de luz ou auga por non poderes asumir o pagamento dos recibos, ante os atrasos das axudas sociais, ante os desafiuzamentos…
Deste xeito, a praza do Rei encheuse de siluetas que nos lembraban estas mortes. Pero tamén lembraban que os poderes, hoxe apuntabamos ao concello, esquécense destas vítimas negándolle a unha maioría crecente os dereitos sociais necesarios para vivir con dignidade.
Na escenificación escoitamos unha marcha fúnebre que deu paso á lectura do manifesto. Tras volver a escoitar a música de Mozart as alí presentes collemos -para rematar- unha silueta e a tiramos ao lixo. É dicir, fixemos o mesmo que os poderes fan cos nosos dereitos, demostrando o pouco que lle importan as nosas vidas. E isto mentres os cartos que nos negan aparecen para pagar grandes infraestruturas, avións a Londres, humanizacións de rúas… Por iso preguntámonos por que deshumanizan ás persoas?
Rematamos coas mesmas palabras que limos no acto: “Por todos nós, polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!”
Un comentario
Los comentarios están cerrados.