«É cousa de abri-lo paraugas?», Xosé María Gómez Vilabella

Qué mellor sitio que Castroverde para abri-lo paraugas o próximo 8 de Setembro! O escultor reflectiunos así, xuntos nunha aperta cordial, e co paraugas aberto. ¡Non están parados: están facendo Camiño, seguen facéndoo, e precisamente nun punto reflexivo do Primitivo, do de sempre, ou é que non é de sempre aquel mandato divino de, Amádevos como eu vos amo?

O problema está na memoria, que é, que adoita ser, falible. Mais para iso son providenciais as crises, invitándonos á reflexión, a volve-la vista atrás, a lembrarnos do parentesco terreal, e de paso, da nosa filiación divina. Daquela, se somos irmáns, por qué nos odiamos, para qué nos roubamos, por qué nos difamamos, reciprocamente? Se non chovese, igual pasaríamos de largo, oufanos, ignorándonos; pero as tormentas, é o bo que teñen!, dannos ocasión para estes intres fraternos, para reciprocidades, para estes abrazos, para unha certa colaboración. A ver se se cumpre o día 8!

Nesas apertas pidámonos perdón, pois moito hai de que! E de paso fagamos unha fronte común para desenmascarar aos ladrón, aos abusóns, a eses que nos dan a paz mentres nos meten man á carteira coa outra. Ai aquelas irmandades dos primeiros cristiáns, que compartían a auga, o pan, e maila sal, todo canto tiñan! Na Veiga do Olmo haberá merendas, e compartiremos os filetes, pero, abriremos a porta do corazón para dicirlle ao próximo que pase, que entre, que con nós estarán na propia casa? Oxalá!

Tamén será  unha boa ocasión para levar con nós aos nenos, e cos nenos os rapaces, ¡botellón en familia! Despois queixámonos desta xeración … Hai que levala da man, en particular aos mellores sitios, nas mellores ocasións…,

A ver, logo, cantos nenos acollemos ao paraugas de Castroverde, na xa próxima, inminente, XXXV Romaxe! Ide preparando, de paso, a merenda, pois o sitio, para comela, para compartila, é mesmamente celestial, paradisíaco!

Fonte: http://irimegos.wordpress.com/2012/08/29/e-cousa-de-abri-lo-paraugas/#more-1893