Regal Ledo comenta o evanxeo do domingo 19

Achegamos os comentarios de Manuel Regal Ledo ao evanxeo do domingo 19 de agosto:

Seguimos colectivamente coa crise ao lombo, e, moi probablemente tamén, seguimos cada un, cada unha, coas nosas batallas persoais, familiares, comunitarias, de sindicato, de partido, de asociación veciñal, etc. E o evanxelista Xoán segue intentando iluminar a nosa realidade de cada día con esta súa catequese sobre Xesús e o seu posto na nosa existencia, a partir daquel feito-signo da multiplicación dos pans e dos peixes.

Xa dixemos noutros momentos que o evanxelista Xoán xoga moito na súa comunicación co dobre sentido das palabras, co dobre significado dos verbos, das expresións. Por exemplo, no evanxeo de hoxe isto salta á vista coa expresión de “comer a súa carne”, “comer a carne do fillo do Home”, que para o evanxelista Xoán tiña un sentido, e para a xente que o escoitaba parece que tiña outro, máis primario, e por iso se preguntaban: “como pode este darnos a comer a súa carne?”.

Así, pois, como homes e mulleres cristiás, como comunidade cristiá, poderiamos e deberiamos preguntarnos que pode significar para nosoutros hoxe comer a carne de Xesús, e beber o sangue de Xesús; xa que, segundo Xoán pon en boca de Xesús, nisto xogámonos moitos os cristiáns, as cristiás: Ter vida en nós, ter vida eterna e ser resucitados/as no derradeiro día, permanecer en Xesús e que el permaneza en nós, vivir por Xesús, e, con Xesús, vivir polo Pai, participar nesa vida para o mundo, que o Pai e Xesús se empeñar en facer florecer.

Podedes ver máis neste enlace: escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2012/08/19-de-agosto-domingo-xx-do-tempo.html#more