É ambientalmente sustentábel que a economía volva medrar? Nun contexto mundial de crise, no que en nome dunha futura prosperidade se sacrifican servizos públicos e dereitos laborais, comeza a coller forza unha proposta radicalmente contraria: decrecer.
Unha alternativa que busca a primacía das relacións sociais sobre a produción e o consumo de produto inútiles ou nocivos, mentres se reduce o tempo dedicado ao traballo para repartilo entre máis persoas como solución ao paro. Esta é a explicación que dá un dos ideólogos do movemento, o fracés Serge Latouche. Unha cara máis coñecida do decrecemento é o profesor Carlos Taibo, que defende volver á produción local, a autoxestión e a democracia directa á vez que se reduce drasticamente a industria automobilística, as necesidades de transporte ou a construción e reducir o consumo de enerxía.
De seguir o camiño actual as sociedade humanas estarán destinadas a unha perda brutal de calidade de vida a medida que os recursos dispoñíbeis comecen a escasear. Segundo diversos textos do movemento, de non producirse un transición controlada, o cambio de modelo producirase de xeito drástico e entre revoltas sociais. Segundo o propio Latouche «aspiramos a mellorar a calidade de vida e non a aumentar o PIB».
Que non hai recursos para todos non é unha idea recente, senón que entrou no debate xa nos anos 70 co informe Os límites do crecemento do Club de Roma. Esta publicación supuxo unha das primeiras chamadas de atención sobre a inviabilidade ao longo prazo do modelo económico actual, se ben fallou nos tempos das súas predicións. Porén, o Club segue a manter a súa postura, sobre todo agora que o mundo xa supera os 7.000 millóns de habitantes e se agudizan problemas como o cambio climático e o acceso á auga potábel.
Unha das causas polas que loita o movemento decrentista é prepararse para o momento no que a produción de petróleo comece a descender, coñecido como «peak-oil». O petróleo é un dos alicerces da economía actual, e abandonalo non é doado. Estímase que a partir de 2035 a produción de petróleo comezará a baixar, segundo o a Axencia Internacional da Enerxía, mais augura unha «idade dourada do gas» e dos seus derivados. Porén, para moitos decrentistas, xa se está a vivir ese «pico».
No ano 2011 en todo o mundo se produciron máis de 83 millóns de barrís de petróleo en todo o mundo, mentres que se consumiron maís de 88 millóns, segundo as estadísticas mundiais da enerxía da petroleira BP. Amais o alto prezo deste recurso, que o ano pasado custaba 113 dólares o barril, fai que se comecen a explotar outros tipos de petróleo máis contaminantes e que até o de agora non eran rendíbeis.
Os defensores desta proposta rexeitan as acusacións de tecnófobos, antiprogresistas ou de pretender limitar o desenvolvemento dos países empobrecidos. Carlos Taibo pon énfase na necesidade de que os países máis industrializados cambien o seu modelo e reduzan drasticamente o seu consumo e as emisións de gases de efecto invernadoiro. A AIE calcula que o 20% da poboación mundial aínda non ten acceso á electricidade.
Os decrecentista tamén rexeitan frontalmente o concepto de desenvolvemento sustentábel, porque o consideran «bricolaxe conceptual». En 1987 a ONU definiuno como un crecemento que asegure as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras de satisfacer as súas. Desde o Cumio da Terra de 1992 en Rio de Janeiro fíxose popular e se converteu nun mantra político, pero para Carlos Taibo non é máis que «palabrería baleira».
En Galiza o decremento vaise abrindo camiño aos poucos da man de asociacións como Véspera de Nada, que participan na creación dunha cooperativa integral galega. Segundo o activista Manuel Casal queren contribuír a unha Galiza «capaz de saír adiante e de satisfacer as necesidades básicas da xente na inevitable costa abaixo que temos por diante».
—
Fonte: praza.com/movementos-sociais/1719/ir-cara-a-atras-para-seguir-adiante