O Espazo Aberto Antimilitar lanza outro ano máis a campaña pola obxección fiscal aos gastos militares nas nosas declaracións da renda. Este acto consiste en non pagar os cartos que o Estado dedica á guerra a través das nosas declaración da renda. Estes cartos non se evade senón que van dirixidos a proxectos que traballan por facer do noso mundo un espazo sen desigualdade e con xustiza social.
Este ano centran a campaña na industria militar, na que cuns orzamentos estatais que recortaron de media aos ministerios un 16%, vemos como o de defensa so o sufriu nun 8% oficialmente, xa que colectivos falan de que na realidade so será dun 2%.
Deixamos o texto da campaña e se queredes máis información visitade a web nonaogastomilitar.org:
«No ano 2011, o gasto militar do Estado español ascendeu a 47 millóns de euros… cada día. Case dous millóns de euros á hora, nun país no que a única música que se escoita é a do recorte: recortes en educación, en sanidade, en dereitos, en medios de subsistencia; en vida. Ademais, o Goberno recoñece unha débeda por gastos militares de, polo menos, trinta e seis mil millóns de euros. Xa nos podemos facer unha idea de como se vai pagar.
Esta política de investimento militar non semella que vaia ser modificada polo “novo” Executivo. O actual Ministro de Defensa, Pedro Morenés, foi xa Secretario de Defensa na época do goberno Aznar, momento no que podemos atopar a orixe da débeda antes apuntada e que foi incrementada de xeito entusiasta polos gobernos de Zapatero. Morenés, ademais, é un dos claros exemplos de relación entre gobernos e industria militar, tendo ocupado nos últimos anos o posto de Director Xeral no estado español de MBDA, considerada a segunda empresa máis importante a nivel mundial no deseño, fabricación e venda de mísiles.
De feito, un primeiro estudo dos recén aprobados presupostos xerais para o 2012, evidencia que o Gasto Militarizado sofre un menor recorte orzamentario, tan só un 2%, fronte ao 17% de media. Isto sen esquecer que os presupostos deste gasto adoitan incrementarse 2,4 veces ao final do ano, e que posiblemente moito “gasto militar oculto” non foi aínda cuantificado.
O que si parece seguro é o aumento en material antidisturbios. En xaneiro deste ano anunciouse a adquisición de gases lacrimóxenos e botes de fume á empresa madrileña Falken, por importe de millón e medio de euros (no ano 2007, os gastos neste campo foron de pouco máis de 143.000 euros). Cousas da crise.
E é que precisamente nesta suposta época de “crise” a industria militar (en sentido amplo) española goza de boa saúde, din os expertos (as súas vítimas non, afirmamos nós). O estado español figura no ránking mundial de exportadores de armas, entre o 6º e o 9º posto, dependendo do ano, e tres empresas españolas están no top 100 mundial. A este suceso contribúen os préstamos a longo prazo e sen interese que os diferentes gobernos do estado levan facendo desde o ano 1994 (polo menos).
Armas españolas son as que usa Marrocos contra o pobo saharauí, ou Israel contra o palestino, todo isto nun contexto internacional no que de novo parece que a violencia é a única forma de resolver os conflitos. Así o fixo recentemente a comunidade internacional (o estado español incluído) armando durante anos a Gadafi, para logo facelo mesmo cos seus opositores e apoialos militarmente no seu ascenso ao poder, e agora aproveitan a violencia desatada en Siria para armar a faccións proclives aos intereses occidentais, favorecendo a desestabilización e a guerra civil; mentres sopesan unha intervención militar que en ningún caso vai buscar a protección dos dereitos humanos.
Pero o máis grave, é que sacar beneficios económicos desta violencia, pode chegar a ser visto como algo positivo por parte da poboación e incluso certas organizacións. A creación de emprego estase a converter na xustificación última para calquera cousa. Vale todo. A promesa da creación de postos de traballo ampara leis laborais que eliminan dereitos adquiridos polos traballadores ao longo de douscentos anos, facilita a comisión de estragos ecolóxicos, e incluso consegue que centrais sindicais reclamen carga de traballo para fábricas de armamento (industria á que lle vén un gran futuro), ou que dirixentes políticos acepten e mesmo reclamen a instalación en Trasmirás dunha base de avións non tripulados (“drones”) dos EE.UU. Isto vai un paso mais alá da repugnancia, poderíamos dicir.
E é que non podemos obviar que, pola mesma razón que a industria do turismo necesita turistas, a industria armamentística precisa de guerras, conflitos e ameazas á seguridade para colocar os seus produtos; necesita medo, violencia e mortos…»