Contra os recortes en cooperación ao desenvolvemento

A Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento lanza unha campaña en contra dos recortes que está a sufrir o mundo da cooperación. Así nolo contan:

En dous anos, a Xunta de Galicia reduciu o 48% do orzamento dedicado a cooperación ao desenvolvemento. Estes drásticos recortes están a dinamitar o traballo a prol da loita contra a pobreza que desenvolven as ONGD galegas, xunto coas súas contrapartes socias, e son unha mostra máis de que o goberno galego incumpre, de forma sistemática, os acordos asinados en materia de cooperación: II Plan Director de Cooperación, Plan Anual 2011, Pacto Galego contra a Pobreza…

En outubro cúmprese un ano da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza. Así pois, co obxectivo de denunciar o seu incumprimento e esixir responsabilidades á Xunta de Galicia, dende a Coordinadora Galega de ONGD poñemos en marcha unha campaña de envío de queixas ao Valedor do Pobo.
Cantas máis queixas cheguen, mellor. Demostremos así que somos moitos e moitas as que estamos a favor da xustiza social e a solidariedade entre os pobos; e que formamos parte dunha cidadanía activa que esixen responsabilidades aos seus representantes no goberno.

Como enviar as queixas?

Dende a Coordinadora Galega de ONGD temos elaborado un modelo de carta (vai adxunta neste correo e podedes descargala dende a nosa páxina web) na que só tedes que engadir os vosos datos persoais.

As formas de envío das queixas son varias:

•    A través da aplicación web do Valedor do Pobo

•    Por correo electrónico a valedor@valedordopobo.com / rexistro@valedordopobo.com

•    Por fax: 981 572 335

•    Por correo postal: Rúa do Hórreo, 65 – 15700, Compostela (A Coruña)

•    En persoa, tamén na Rúa do Horreo, 65.

Axúdanos a difundir esta iniciativa entre a túa familia, amizades, compañeiros e compañeiras de traballo…

Un comentario

Los comentarios están cerrados.