Hoxe Gustavo presentounos a actitude indispensable dunha comunidade transmisora do evanxeo de Xesús: A OPCION PREFERENCIAL POLOS POBRES.
É un feito indubidable esa actitude de Xesús. E é un feito comprobable esa actitude nas primeiras comunidades cristiás.
Cando Pablo recibe dos responsables da primeira comunidade cristiá (Santiago, Pedro e Juan) o encargo de difundir o Evanxeo di el expresamente: «… pediron que nos acordásemos dos pobres, cousa que eu mesmo me propuxera». Dio Pablo nunha das súas cartas. A xustiza social está no centro do evanxeo xa dende o principio do cristianismo.
Nun principio vívese solidariedade pero non se buscan as causas da pobreza. Nunha segunda etapa xa se fala das causas da pobreza e da loita contra ela. Nesa perspectiva temos que movernos agora: SOLIDARIEDADE COS POBRES + LOITA CONTRA AS CAUSAS DA POBREZA.
Nalgunhas sesións previas ao Concilio Vaticano II intentouse que ese, A POBREZA NO MUNDO, fose o tema prioritario. Non se conseguiu. Saíron outros preferentes. No momento actual non hai tema máis urxente que A OPCION PREFERENCIAL POLOS POBRES no anuncio do Evanxeo. As comunidades cristiás temos que dar pasos máis comprometidos nesa liña. ¿Estamos a facelo?