Deixamos un artigo publicado no Xornal de Galicia sobre a situación de fame que están a pasar os países do corno de África. No artigo a ONG Implicadas no Desenvolvemento denuncia que os países do norte non poden deixar de lado no análise desta crise o seu papel de xeradores de desigualdades.
Por primeira vez en décadas as Nacións Unidas declaran zona de fame extrema o Corno de África. Semella este un regreso a un pasado recente no que os gobernos conservadores campaban polo mundo coas súas políticas neoliberais de desfacer o público (a alianza Thatcher e Reagan) e os intereses xeopolíticos marcábanos a Guerra Fría e o espolio dos recursos naturais dos países en vías de desenvolvemento. Polo medio, anos de miseria invisible e silenciosa que estoupa estes días nos nosos televisores.
A situación do Corno de África preséntase como unha imaxe da desesperanza, nun recurso mediático que no fondo busca desafiuzarnos da responsabilidade que a cidadanía do Norte ten en todas estas situacións. A propia representación das persoas do sur como imaxes mudas implica non escoitar nunca as palabras de quen loita contra tal miseria ou quen pode explicala dende as súas circunstancias de vida concretas. O uso destas imaxes ataca, tamén, a dignidade das persoas, algo que aínda hoxe marca aos pobos da rexión, polo menos o etíope, onde tirar unha foto é un acto aínda ben conflitivo pola vergoña de ver as súas crianzas retransmitidas vía satélite ao mundo no acto de morrer.
Resulta sumamente demoledor que haxa persoas que só son noticia cando morren e nunca nas varias décadas precedentes en que sentiron a seca provocada pola nosa contaminación ou as guerras inflamadas coas nosas armas (España é un dos maiores estados en vendas de armas e varios bancos deses que agora rescatamos invisten fortemente nelas cos nosos aforros). Resulta tamén demoledor que as políticas de recortes e “austeridade” fanen traballos fundamentais para non chegar a estas situacións. En Galicia, xa un país retrógrado neste campo ata puntos vergoñentos, a chegada do PP ao poder fixo reducir a contía das axudas nun 40%, cifra que exemplifica outro longo ronsel de actos de desinterese na cooperación ao desenvolvemento. A cidadanía mira cara a outro lado e coa escusa da crise prefire meter os cartos nas rebaixas que nos centos de alternativas que se propoñen dende a sociedade.
Os recortes, porén, non fican en abstracto. Mírannos á cara dende Somalia e dende Etiopía, nunha fronteira que xa foi zona de represión política importante e onde agora se amorean as persoas refuxiadas. En Etiopía traballou dende 2003 Implicadas no Desenvolvemento ata o ano pasado, cando os múltiples recortes levaron a que a nosa capacidade económica, que non de enerxías e creatividade, nos obrigase a reducir os campos de actuación. Tivemos que pechar todos os proxectos de Etiopía e acabamos de pechar outro na India, con moitos esforzos, todos en fases avanzadas, o que asegura a súa sustentabilidade. Un dos nosos proxectos de Etiopía desenvolveuse nas zonas das grandes fames dos anos 80, onde no ano 2003 aínda chegaban sacos de axuda alimentaria, distribuídos no mercado de Mersa por homes armados con rifles. Non foi doado ao primeiro comezar a traballar coa metodoloxía dos grupos de axuda mutua, coa que dende sempre funciona Implicadas e que introducimos, xunto coa organización alemá KNH por primeira vez no país africano. Introducir de forma pioneira a metodoloxía dos grupos de axuda mutua foi complexo porque non debemos esquecer que as crises da fame son cíclicas só porque non se traballa dende as raíces, senón dende as consecuencias. Os grupos de axuda mutua consisten na autoorganización das mulleres en grupos de 15-20 que se reúnen para aforrar e tomar crédito do fondo común, cos xuros que elas deciden, nos prazos que elas deciden.
As mulleres pasaron de durmir en palla a ter casas propias e alugar camións para traer a mercancía do campo aos seus negocios. A mellora non foi só económica, as mulleres conseguiron sobre todo unirse e facer forza común fronte á mutilación xenital, mediar en casos de violencia de xénero, implicar aos homes e facer deles axentes de cambio de papeis e conformar unha forza de tal calibre que a semana pasada, xa despois de dous anos de rematado o proxecto, o goberno local lles concedeu terra abonda para instalar un grande mercado. Falamos de mulleres que ao primeiro só podían aforrar dous céntimos de euro cada semana mercando menos fariña ou sal e que agora reciben individualmente do grupo créditos de ata 1.500 euros. Como elas din agora, non queren que ninguén lles dea nada, só que lles deixen facer.
Todo isto non sae nas noticias e cómpre lembralo porque é a única solución para evitar as fames, que a cidadanía apoie o traballo permanente das organizacións críticas e non só nos momentos agudos. Os escuros anos 80 deron lugar ao movemento cívico europeo do 0,7, onde as acampadas reclamaban cousas para un mundo non máis cómodo senón máis xusto. Esa é se cadra a esperanza, que deste momento de crise saiamos máis xenerosas e non máis cativas, que reforcemos ás organizacións no canto de deixalas esmorecer. Porque como nos ensinan as mulleres de Mersa, a vontade é o todo. O Corno de África dános a medida da verdadeira crise. Vistas as proporcións, sobran as escusas: é momento de actuar.
—
Fonte: www.xornal.com/artigo/2011/08/07/mundo/fame-no-corno-africa/2011080719543300198.html