Nunha audacia descoñecida, Xesús sorprendeu a todos proclamando o que ningún profeta de Israel se atrevera a dicir: “Xa está aquí Deus coa súa forza creadora de xustiza abríndose camiño no mundo para facer a vida dos seus fillos máis humana e ditosa”. É necesario cambiar. Temos de aprender a vivir crendo nesta Boa Noticia: o reino de Deus está a chegar.
Xesús falaba con paixón. Moitos sentíanse atraídos polas súas palabras. Noutros xurdían non poucas dúbidas. Non era todo unha loucura? Onde se podía ver a forza de Deus transformando o mundo? Quen podía cambiar o poderoso imperio de Roma?
Un día Xesús contou unha parábola moi breve. É tan pequena e humilde que, moitas veces, pasou desapercibida para os cristiáns. Di así: «Co reino de Deus sucede coma co fermento que colleu unha muller e agochouna en tres medidas de fariña, ata que todo ficou fermentado».
Aquela xente sinxela sabía do que lles estaba a falar Xesús. Todos viran as súas nais elaborar o pan na artesa da súa casa. Sabían que o fermento fica “escondido”, pero non permanece inactivo. De xeito calado e oculto vai fermentando todo dende dentro. Así está Deus a actuar dende o interior da vida.
Deus non se impón dende fóra, senón que transforma ás persoas dende dentro. Non domina co seu poder, senón que atrae co seu amor cara ao ben. Non forza a liberdade de ninguén senón que se ofrece para facer máis ditosa a nosa vida. Así temos de actuar tamén nós se queremos abrir camiños ao seu reino.
Está a comezar un tempo novo para a Igrexa. Os cristiáns imos ter que aprender a vivir en minoría, dentro dunha sociedade secularizada e plural. En moitos lugares, o futuro do cristianismo dependerá en boa parte do nacemento de pequenos grupos de crentes, atraídos polo evanxeo e reunidos arredor de Xesús.
Pouco a pouco, aprenderemos a vivir a fe de xeito humilde, sen facer moito ruído nin dar grandes espectáculos. Xa non cultivaremos tantos desexos de poder nin de prestixio. Non gastaremos as nosas forzas en grandes operacións de imaxe. Buscaremos o esencial. Camiñaremos na verdade de Xesús.
Seguindo os seus desexos, trataremos de vivir como “fermento” de vida sa no medio da sociedade e como un pouco de “sal” que se dilúe humildemente para dar sabor evanxélico á vida moderna. Contaxiaremos no noso ámbito o estilo de vida de Xesús e irradiaremos a forza inspiradora e transformadora do seu Evanxeo. Pasaremos a vida facendo o ben. Coma Xesús.
Traduciu: Xaquín Campo
—
Fonte: eclesalia.wordpress.com