Non á guerra nin como espectáculo aéreo na nosa cidade

O vindeiro 24 de xullo a nosa cidade volverá a acoller o Festival Aéreo de Vigo con avións de guerra sobrevoando a praia de Samil. Moita xente, entre elas o Espazo Aberto Antimilitar, amosa o seu rexeitamento a este espectáculo de avións de guerra que supón entre outras cousas un enorme gasto en tempos de crise e recortes sociais.

Dende o Espazo elaboraron un texto sobre o FAV moi interesante:

NON Á GUERRA NIN COMO ESPECTÁCULO

Durante os últimos anos temos que soportar cada verán a chegada do chamado Festival Aéreo de Vigo, que non é outra cousa que o festival da guerra e o militarismo. Xa durante varios días antes do propio evento escoitamos sobre as nosas cabezas o son estrondoso da morte voando sobre nós, a máis cara e moderna tecnoloxía do ser humano fundida en máquinas cuxa única función é destruír e matar.

Aparecen ante nós mesturadas nun envoltorio de entretemento domingueiro, familiar e coa intención de fascinar á xente máis nova, a cal ten a oportunidade de experimentar nun simulador da Patrulla Águila a emoción de pilotar un caza facendo voos acrobáticos. Todo é un xogo, pero o que se esquecen de reproducir son as consecuencias dos voos dos cazas reais; ou acaso foron creados para soltar fumes de cores como nestes espectáculos? Tiveron tempo as familias bombardeadas en Iugoslavia, Iraq, Afganistán ou Libia para extasiarse e apreciar os xiros desas potentes aeronaves antes de ser aplastadas polas toneladas de metralla e entullos que deixan ao seu paso?

O Exército do Aire español participa nos bombardeos sobre Libia, xunto cos Estados Unidos e o resto de potencias da OTAN. Que clase de insensíbel e morboso Festival se pode facer en Vigo, mentres ese exército do aire bombardea poboacións indefensas nestes mesmos momentos?

A venda de armas como as que exhiben neste festival é un gran negocio para o Estado español, o cal vende en gran medida a Estados involucrados en conflitos armados como Israel, EEUU, Libia, etc. Pero por moitos beneficios económicos que algúns obteñan, estas armas seguen sendo igual de perigosas e mortíferas. Non son un motivo de festa, nin –como se pretende facer ver– instrumentos garantes da paz, como tampouco o son os exércitos. Pola contra, as nosas tropas despregadas polo mundo só buscan defender os intereses comerciais e xeoestratéxicos das potencias mundiais e as multinacionais. O belicismo susténtase en valores de violencia, obediencia cega e desprezo pola vida humana.

O exército, mediante propaganda e espectáculo, pretende insensibilizarnos ante a súa omnipresente presenza en cada vez máis aspectos da nosa sociedade, usurpando funcións que organismos civís farían máis eficazmente. O exército despraza as brigadas antiincendios nos nosos montes; aprópiase das tarefas de rescate e asistencia en catástrofes como a de Lorca; e até actúan de esquirois como sucedeu na folga dos controladores…Mentres vemos como se aplican recortes en todos os ámbitos sociais, as forzas represivas dispoñen de todos os medios ao seu servizo. É inmoral que o gasto militar no estado español sexa 50 millóns de euros ao día, ao mesmo tempo que se recortan gastos en Educación, Sanidade, Pensións, Servizos Sociais, etc.

En calquera caso, aquí e agora, non podemos aceptar que nos fagan a todas cómplices deste sucio lavado de cara do militarismo, asociando o nome da nosa cidade co que supón un festival aéreo da guerra, que se pretende lexitimar como diversión e reclamo de turistas. En vez de construír un modelo de concello máis humano, apracíbel e agradábel para as persoas que vivimos nel, os gobernantes de turno apostan por crear unha imaxe de marca dunha cidade ficticia, baleira, militarista e inhumana; privatizando os espazos públicos en connivencia cos patrocinadores e a hostalería; tentando atraer o turismo depredador que deixa molestias para todas e cartos para unhas poucas empresas, que, casualmente, son as máis explotadoras.

Esiximos que se acabe con este Festival da Guerra, non queremos a guerra nin como espectáculo. Fóra a propaganda militarista e fóra máquinas da morte dos nosos ceos.

ESPAZO ABERTO ANTIMILITAR

Vigo, xullo 2011

+info: www.nonaogastomilitar.org