Comunicado da Asemblea de Crentes Galegos

Achegamos o comunicado final da Asemblea de Crentes Galegos celebrada o último sábado de abril.

Da Parroquia participaron catro persoas que levaron a celebración da tarde. Ademais a xente da comunidade puideron compartir espazo e reflexións con grupos como: Alter Mundo, Verde Gaia, Foro Social Galego, Nonmepisesofregaho, Dereitos Sociais da Coruña e membros das comunidades de Saniago e A Coruña.

QUEN NOS LEVOU A ESTA SITUACIÓN NON NOS VAI SACAR DELA

A Coordinadora de Crentes Galegos/as, reunida en asemblea o 30 de abril e compartindo a nosa reflexión con outros colectivos de acción social (Altermundo, Nomepisesofreghao, Rede de Dereitos Sociais d’a Coruña e Verdegaia), despois de traballar en torno a “Construíndo Redes Sociais ante a Crise” quere facer público o seguinte:

Colectivos con motivacións diferentes podemos traballar xuntos e estamos convencidos de que a sociedade se pode organizar doutro xeito distinto ao que se nos propón desde os poderes que teñen o capitalismo como referente, e que son os mesmos que nos conduciron a esta situación actual.

Non aceptamos unha realidade que se nos presenta como non solucionable, con problemas tan graves como, entre outros:

–    O paro que impide levar unha vida digna a tantas persoas.

–    A situación da vivenda, que está provocando tantos desahucios por culpa dos mesmos poderes financieiros.

–    Os problemas das pequenas empresas por saír adiante, en contraposición cos privilexios dos grandes imperios económicos.

–    O ataque aos recursos naturais, que provoca mesmo unha alimentación perigosa (intoxicación da auga, o peixe…) e que favorece os intereses doutros (industria farmacéutica…).

Esta situación non pode resolverse seguindo a mesma lóxica do sistema capitalista que a creou, porque leva a utilizar a crise como escusa para recortar o benestar e os dereitos adquiridos pola clase traballadora. E, mentres os que provocaron a crise seguen sacando beneficios dela, sempre acabamos pagando as mesmas clases e colectivos de persoas. Aos culpables deste estado de cousas interésalles que sexa así, e preséntannos a solución de aguantar e confiar en que o sistema nos vai sacar con éxito destes problemas.

Estamos desencantados e desencantadas dos poderes políticos e financieiros, e convencidos de que se seguimos os seus consellos os únicos beneficiados van ser eles mesmos, que van saír máis reforzados da situación, e non a sociedade.

Por iso proponemos a necesidade da mobilización social, e que se vaia creando entre todos máis conciencia de que a solución non pasa por eles, pois xa vemos a onde nos conduciron, senón por outras alternativas.

Dende os nosos colectivos comprometémonos a traballar por espertar unha maior conciencia social xa que estamos convencidos e convencidas de que outra forma de sociedade (outro mundo) é posible e de que está nas nosas mans conseguilo.