A soberanía alimentar como alternativa, Esther Vivas

A globalización neoliberal, na súa traxectoria por privatizar todos oseidos  da vida, fixo o mesmo coa agricultura e os bens naturais, sometendo á fame e á pobreza a unha inmensa parte da poboación mundial. Hoxe calcúlase que no mundo hai 925 millóns de persoas famentas, segundo datos da FAO, cando, paradoxalmente, prodúcense máis alimentos que nunca na historia.

Como indica a organización internacional GRAIN, a produción de comida multiplicouse por tres desde os anos 60, mentres que a poboación mundial tan só se duplicou desde aquela, pero os mecanismos de produción, distribución e consumo, ao servizo dos intereses privados, impiden aos máis pobres a obtención necesaria de alimentos.

O acceso, por parte do pequeno campesiñado, á terra, á auga, ás sementes… non é un dereito garantido. Os consumidores non sabemos de onde vén aquilo que comemos, non podemos escoller consumir produtos libres de transxénicos. A cadea agroalimentar foise alongando e afastando progresivamente, cada vez máis, produción e consumo, favorecendo a apropiación das distintas etapas da cadea por empresas agroindustriais, coa consecuente perda de autonomía de labregos e consumidores.

Fronte a este modelo dominante do agribusiness, onde a procura do beneficio económico se antepón ás necesidades alimentares das persoas e ao respecto ao  ambiente, xorde o paradigma alternativo da soberanía alimentar. Unha proposta que reivindica o dereito de cada pobo a definir as súas políticas agrícolas e alimentares, a controlar o seu mercado doméstico, impedir a entrada de produtos excedentarios a través de mecanismos de dúmping, a promover unha agricultura local, diversa, labrega e sustentábel, que respecte o territorio, entendendo o comercio internacional como un complemento á produción local. A soberanía alimentar implica devolver o control dos bens naturais, como a terra, a auga e as sementes, ás comunidades e loitar contra a privatización da vida.

Máis aló da seguridade alimentar

Trátase dun concepto que vai máis aló da proposta de seguridade alimentar, defendida pola FAO a partir dos anos 70 co obxectivo de garantir o dereito e o acceso á alimentación a toda a poboación. A seguridade alimentar non representa un paradigma alternativo ao non cuestionar o actual modelo de produción, distribución e consumo e foi, a miúdo, desposuída do seu significado orixinal. A soberanía alimentar, pola súa banda, inclúe esta proposta, garantir que todo o mundo poida comer, á vez que se opón ao sistema agroindustrial dominante e ás políticas das institucións internacionais que terman del.

Acadar este obxectivo require unha estratexia de rachamento coas políticas agrícolas neoliberais impostas pola Organización Mundial do Comercio, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, que erosionaron a soberanía alimentar dos pobos a partir dos seus ditados de libre comercio, plans de axustamento estrutural, endebedamento externo, etc. Fronte a estas políticas, hai que xerar mecanismos de intervención e de regulamentación que permitan estabilizar os prezos, controlar as importacións, establecer cotas, prohibir o dúmping e en momentos de sobre-produción crear reservas específicas para cando estes alimentossexan escasos. A nivel nacional, os países teñen que ser soberanos á hora de decidir o seu grao de autosuficiencia produtiva e priorizar a produción de comida para o consumo doméstico, sen intervencionismos externos.

Pero, reivindicar a soberanía alimentar non implica un retorno romántico ao pasado, senón que se trata de recuperar o coñecemento e as prácticas tradicionais e combinalas coas novas tecnoloxías e os novos saberes. Non debe consistir tampouco nunha formulación localista, nin nunha «mistificación do pequeno», senón en repensar o sistema alimentar mundial para favorecer formas democráticas de produción e distribución de alimentos.

Unha perspectiva feminista

Avanzar na construción de alternativas ao actual modelo agrícola e alimentar implica incorporar unha perspectiva de xénero. Trátase de recoñecer o papel que as mulleres teñen no cultivo e a comercialización daquilo que comemos. Entre un 60 e un 80% da produción de alimentos nos países do Sur, segundo datos da FAO, recae nas mulleres. Estas son as principais produtoras de cultivos básicos como o arroz, o trigo e o millo, que alimentan ás poboacións máis empobrecidas do Sur global. Pero a pesares do seu papel central na agricultura e na alimentación, elas son, xunto aos nenos e ás nenas, as máis afectadas pola fame.

As mulleres, en moitos países de África, Asia e América Latina enfrontan enormes dificultades para acceder á terra, conseguir créditos, etc. Pero estes problemas non só se dan no Sur, en Europa moitas labrgas padecen unha total inseguridade xurídica, xa que a maioría delas traballan en explotacións familiares onde os dereitos administrativos son propiedade exclusiva do titular da explotación e as mulleres, a pesar de traballar nela, non teñen dereito a axudas, á plantación, a unha cota lactea, etc.

A soberanía alimentar ten que rachar non só cun modelo agrícola capitalista senón tamén cun sistema patriarcal, profundamente arraigado na nosa sociedade, que oprime e supedita ás mulleres. Unha soberanía alimentar que non inclúa unha perspectiva feminista estará condenada ao fracaso.

A Vía Campesina

O concepto de soberanía alimentar foi proposto polo movemento internacional da Vía Campesina, que agrupa a unhas 150 organizacións labregas de 56 países, no ano 1996 coincidindo co Cume Mundial sobre a Alimentación da FAO en Roma.

A Vía Campesina constituíuse en 1993, nos albores do movemento antiglobalización, e progresivamente converteríase nunha das organizacións de referencia na crítica á globalización neoliberal. O seu ascenso é a expresión da resistencia larega ao afundimento do mundo rural, provocado polas políticas neoliberais e a intensificación das mesmas coa creación da Organización Mundial do Comercio.

A membresía da Vía é bastante heteroxénea, en termos de procedencia ideolóxica e dos sectores representados (sen terra, pequenos campesiños…), pero todos coinciden en pertencer ás franxas campesiñas máis golpeadas polo avance da globalización neoliberal. Un dos seus logros foi o de superar, de xeito bastante satisfactorio, a fenda entre os labregos do Norte e do Sur, articulando unha resistencia conxunta ao actual modelo de liberalización económica.

Desde a súa creación, A Vía creou unha identidade «labrega» politizada, ligada á terra e á produción de alimentos, construída en oposición ao actual modelo do agribusiness e en base á defensa da soberanía alimentar. A Vía encarna un novo tipo de «internacionalismo campesiño» que podemos conceptualizar como a «compoñente campesiña» do novo internacionalismo das resistencias representado polo movemento altermundita .

Unha opción viábel

Un dos argumentos que utilizan os detractores da soberanía alimentar é que a agricultura ecolóxica é incapaz de alimentar ao mundo. Pero contrariamente a este discurso, varios estudos demostran que tal afirmación é falsa. Así o constatan os resultados dunha exhaustiva consulta internacional impulsada polo Banco Mundial en partenariado coa FAO, o PNUD, a UNESCO, representantes de gobernos, institucións privadas, científicas, sociais, etc., deseñado como un modelo de consultoría híbrida, co nome de IAASTD, que involucrou a máis de 400 científicos e expertos en alimentación e desenvolvemento rural durante catro anos.

É interesante observar como, a pesar de que o informe tiña detrás a estas institucións, concluía que a produción agroecolóxica provía de ingresos alimentares e monetarios aos máis pobres, á vez que xeraba excedentes para o mercado, sendo mellor garante da seguridade alimentar que a produción transxénica. O informe do IAASTD, publicado a principios do 2009, apostaba pola produción local, campesiña e familiar e pola redistribución das terras a mans das comunidades rurais. O informe foi rexeitado polo agribusiness e arquivado polo Banco Mundial, aínda que 61 gobernos aprobárono discretamente, fóra de Estados Unidos, Canadá e Australia, entre outros.

Na mesma liña, situábase un estudo da Universidade de Michigan, publicado en xuño do 2007 pola revista Journal Renewable Agriculture and Food Systems, que comparaba a produción agrícola convencional coa ecolóxica. O informe concluía que as granxas agroecolóxicas eran altamente produtivas e capaces de garantir a seguridade alimentar en todo o planeta, contrariamente á produción agrícola industrializada e o libre comercio. As súas conclusións indicaban, até as estimacións máis conservadoras, que a agricultura orgánica podía prover polo menos tanta comida de media como a que se produce na actualidade, aínda que os seus investigadores consideraban, como estimación máis realista, que a agricultura ecolóxica podía aumentar a produción global de comida até un 50%.

Varios estudos demostran como a produción campesiña a pequena escala pode ter un alto rendemento, á vez que usa menos combustíbeis fósiles, especialmente se os alimentos son comercializados local ou rexionalmente . En consecuencia, investir na produción campesiña familiar é a mellor opción para loitar contra o cambio climático e acabar coa pobreza e o fame, garantindo o acceso aos bens naturais, e máis cando tres cuartas partes das persoas máis pobres do mundo son pequenos campesiños.

No eido da comercialización demostrouse fundamental, para rachar co monopolio da gran distribución, o apostar por circuítos curtos de comercialización (mercados locais, venda directa, grupos e cooperativas de consumo agroecológico…), evitando intermediarios e establecendo unhas relacións achegadas entre produtor e consumidor, baseadas na confianza e o coñecemento mutuo, que nos conduzan a unha crecente solidariedade entre o campo e a cidade.

Neste sentido é necesario que as políticas públicas se fagan eco das demandas destes movementos sociais e apoien un modelo agrícola local, campesiño, diversificado, orgánico e que se prohiban os transxénicos,se promovan os  bancos de terras, unha lei de produción artesá, un mundo rural vivo… En definitiva, unha práctica política ao servizo dos pobos e do ecosistema.

Fonte: www.altermundo.org/a-soberania-alimentar-como-alternativa