Esta sábado os compañeiros da comisión económica da comunidade que están a traballar no desenvolvemento do proxecto Fiare organizaron unha charla para dar a coñecer o estado do proxecto e resolver dúbidas. Polo momento Fiare Gz vai andando paseniño pero con pasos firmes construíndo unha alternativa á banca tradicional que estamos a ver como se desmorona nestes momentos.
No blog de Fiare Gz podemos ver o balance 2010 de Fiare no Estado Español, aquí volo deixamos para que botedes unha ollada:
«Na reunión da Coordinación estatal do Proxecto FIARE de Banca Ética celebrada en Madrid o venres 4 de febreiro aprobouse o balance social e da actividade financeira do proxecto FIARE de Banca Ética no conxunto do Estado español. Os resultados mostran o avance sostido deste proxecto de construción social dunha banca ética en mans da cidadanía. Ao finalizar 2010 FIARE dispuña dunha base social de 1.820 socios (254 entidades sociais e 1.566 persoas físicas). A recollida de capital social ascendía a 2.127.832 euros e o volume de aforro captado a 25 millóns de euros. A actividade financeira de FIARE permitiu até a data financiar preto de 100 proxectos de economía social.
Ao longo do ano incorporáronse ao Proxecto 70 novas entidades sociais e 674 persoas individuais, o que supón máis de dous novos socios diarios. Doutro lado constituíronse as redes territoriais de Galiza e Canarias que a finais de ano incorporáronse tamén ao proceso de recollida de capital social nos seus respectivos territorios. Comezouse tamén a crear núcleos do Proxecto en Baleares e Aragón, a partir de entidades e persoas destes lugares con vontade de incorporarse ao proxecto.
O Proxecto FIARE propón a creación e extensión dun Sistema de Banca Ética construído sobre unha extensa rede de persoas e organizacións sociais que a través dunhas sólidas estruturas organizativas, lle permitan chegar a ser unha ferramenta alternativa no sistema económico-financeiro, capaz de ofrecer á cidadanía todos os servizos bancarios que necesita, e de promover un espazo de participación para a súa construción social e cultural.
O Proxecto FIARE xorde dunha convicción e unha intuición. A convicción de que son necesarias alternativas na esfera económica que traten de superar os problemas estruturais do sistema económico que xeran exclusión social, e promovan outro modelo de conectar o aforro dos cidadáns e o crédito. A intuición (que motivou a posta en marcha do proxecto) é que o tecido asociativo e a conciencia de moitas persoas dispoñen tanto de capacidade como de motivación para tentar consolidar unha iniciativa deste tipo, como xa ocorreu -de feito- nalgúns outros lugares de Europa.
O Proxecto FIARE é, por tanto, un movemento de acción colectiva, construído por aquelas persoas e organizacións comprometidas coa transformación social no ámbito económico-financeiro nun marco de fomento da economía solidaria. Este modelo de construción e desenvolvemento do proxecto condiciona significativamente as estruturas de participación no mesmo e enriquécese co intercambio de experiencias, a proximidade ás realidades de inxustiza e o intercambio de visións e estratexias para a transformación social.
O marco cultural do que proceden as persoas e organizacións que se vinculan a FIARE, as súas motivacións e dinamismos, facilitan o fortalecemento do sistema de adecuación ética do Proxecto FIARE a través, entre outras, de estruturas como o Comité de Ética ou as comisións de avaliación ético-social arraigadas nas redes territoriais.
En coherencia con todo iso, o proxecto FIARE constrúese sobre os seguintes alicerces:
a) Crédito ao servizo da xustiza social.
b) A intermediación financeira desde as redes da sociedade civil.
c) A mobilización do aforro responsable.
d) O carácter non lucrativo: un crecemento que mira ao interese común.
A operativa bancaria (aforro e crédito) que realiza FIARE efectúase a través dun contrato de axencia coa Banca Popolare Etica italiana, cooperativa de crédito italiana cunha base social de 35.000 persoas e organizacións, que dispón de ficha bancaria do Banco de Italia. Con Banca Popolare Etica, FIARE está a traballar para a constitución a nivel europeo dunha cooperativa de crédito inspirada nos principios e valores da Banca Ética.»