Informe do Valedor do Pobo: «Las personas sin hogar en Galicia»

Esta semana o Valedor do Pobo emitiu un informe sobre a situación das persoas sen fogar en Galicia no que analiza a situación do colectivo de cidadáns que habitan e pasan a noite nas rúas galegas, carentes de recursos económicos abondo e dun teito baixo o que poder vivir.

Para acometer a investigación, Benigno López, promoveu a visita de persoal da institución a máis de trinta centros e servizos dirixidos a atender as necesidades desta poboación na nosa comunidade. Tamén solicitou información sobre diferentes plans e estatísticas ao respecto das administracións competentes e de entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa tarefa a favor destas persoas.

O documento parte dunha análise conceptual e estatística para internarse no mundo dos estes marxinados. O Valedor acudiu ao seu encontro en albergues, centros de inserción, comedores sociais, fogares de transeúntes, etc. onde puido manter entrevistas con algúns dos seus usuarios e os equipos que traballan nestes.

Como conclusión do traballo, o Valedor do Pobo dirixe unha serie de recomendacións ás administracións públicas, principalmente a diferentes departamentos da Xunta de Galicia e gobernos municipais, co obxectivo de que desenvolvan accións que permitan mellorar as condicións de vida destas persoas, que en moi poucas ocasións formulan a súa problemática por propia iniciativa ante o Valedor do Pobo.

Podedes descargar o informe neste enlace: www.valedordopobo.com/index.php?o=downloads&i=466&t=document