A fe católica perde tirón en Galicia

Achegamos este artigo que presenta os datos sobre a baixada de fieis en Galicia nos últimos anos, ademáis aparecen as declaracións dunha representante da igrexa de base que analiza esta cuestión.

Podedes ler o artigo orixinal en Xornal de Galicia:

Arecente visita de Bieito XVI a Santiago e Barcelona provocou que aflorasen as críticas polos gastos na viaxe do Pontífice de polo menos 2,6 millóns de euros procedentes das arcas públicas. Ademais, a viaxe papal puxo no punto de mira a necesidade de redefinir a esfera aconfesional do Estado e o debate sobre a reforma da Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa, que debería substituír á lei actual, vixente desde 1980, xa que a realidade confesional do país mudou notablemente desde entón e a presenza doutros credos aumentou moito. Esta norma en suspenso tamén recolle a “neutralidade dos poderes públicos ante a relixión ou as crenzas”, así como a obriga do Estado de evitar “toda confusión entre funcións estatais e actividades relixiosas”. As voces que defenden a participación plena da esfera pública na peregrinación de Joseph Ratzinger aducen que a Constitución lexitima no seu punto 16 a “cooperación” do Estado coas confesións, máis ao tratarse “da relixión que profesa a maioría da cidadanía”, explica Juan Ferreiro, catedrático en Dereito Canónico. Pero o certo é que o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) constata que o número de católicos descendeu en Galicia e no total de España.

Se esta tendencia á baixa no número de fieis da fe católica se mantivese, a situación podería provocar que ese credo deixase de ser incluso o maioritario no prazo de vinte anos, segundo os expertos, sen que ese lugar o ocupase outra confesión. Aínda que hai quince anos máis do 80% dos españois se declaraban católicos e só o 10% se definían como non crentes ou ateos, hoxe as persoas que se proclaman católicas descenderon ata o 73% e a taxa de non crentes supera o 22%. E o descenso foi máis acentuado se tomamos como referencia o ano 1981, xa que daquela os católicos supuñan o 90% da poboación, e a porcentaxe dos non crentes medrou nun 27% desde aquela. En Galicia, un 83% da poboación declárase católica fronte a un 17% que amosa o seu ateísmo, mentres que hai quince anos os católicos superaban o 90% e os non católicos non chegaban ao 10%.

Segundo o CIS, esta tendencia vai parella ao descenso de fieis nos oficios relixiosos no Estado, porcentaxe que en en 1984 era do 28% e alcanzou en só trece anos o 58%. Se tomamos como referencia as persoas que admiten acudir a misa só “algunha vez ao ano”, a cifra dispárase ata o 74%. En canto aos que asisten á eucaristía dominical, a cifra pasou dun 50% nos anos oitenta a algo máis do 20% na actualidade, tendencia extrapolable a Galicia. Para a socióloga Rosa Cobo, da Universidade da Coruña, existen “moitas razóns” que explican este descenso xeneralizado de crentes e practicantes. Na súa opinión, “quizais haxa que destacar a dificultade que ten a poboación galega e española para identificarse cunha Igrexa que cuestiona dereitos civís como o aborto e os matrimonios entre persoas do mesmo sexo”. Outra razón que explicaría esa baixada, sería que a Igrexa “non só se posiciona do lado da dereita senón que incluso proporciona o núcleo ideolóxico máis duro a esa posición política conservadora”, di.

Foron moitas as voces que, dunha forma máis velada ou manifesta, esgrimiron eses mesmos argumentos. A plataforma Eu nom te espero, que engloba múltiples asociacións e se manifestou en contra da visita papal, considera que a Igrexa católica “secundou o auxe do fascismo da Europa dos anos 20 e 30” e “apoiou as máis crueis ditaduras de América Latina”, así como “o golpe de Estado contra a Segunda República”, ademais de “burlarse” do idioma galego e “incidir negativamente naqueles avances sociais que a muller organizada esixe” e censura “formas de relación afectiva e sexual que non entran no seu canon”.

Neste mesmo sentido pronunciouse o observatorio para a laicidade Europa Laica, que considera que a recente viaxe pastoral de Joseph Ratzinger como peregrino “camufla” en realidade a visita dun xefe de estado. O presidente da entidade, Francisco Delgado, mantén ademais que España é un dos países que “mantén máis privilexios” cara á relixión católica, sobre todo en materia de “financiamento, servizos sociais e educación”.

Pola súa banda, as asociacións cristiás de base, que tamén verteron duras críticas contra a visita do Pontífice, criticando que non se celebrara nun marco de “austeridade” e denunciando que o Papa non aludira á crise económica nas súas alocucións, precisan que o descenso de cristiáns en Galicia “responde ao desapego da xente máis nova e de boa parte da relixión coa práctica relixiosa, algo habitual en España e en Europa”, sinala José María Barca, membro das Redes de Cristiáns de Base de Galicia. Porén, ao seu xuízo “hai unha visión un pouco distorsionada da Igrexa, porque ás veces semella que a única voz é a da Conferencia Episcopal, cando dentro da Igrexa galega, que historicamente foi sempre moi plural, existen moitas que ofrecen unha gran pluralidade de opinións”.

“Desde hai moitos anos, unha parte moi importante da Igrexa galega tenta vivir a súa fe desde a realidade propia de Galicia”, manifesta Barca, que considera que é “perfectamente posible ser católico e nacionalista”. Na súa opinión, iso é só unha pequena mostra de que “queda moito por avanzar” á hora de espallar unha idea “máis precisa” das opinións que existen no interior do catolicismo galego. Para José María Barca, tanto a laicidade como o pulo que nos últimos anos obtiveron outras confesións en Galicia “son fenómenos positivos”, xa que “a separación da Igrexa e o Estado conseguiría unha Igrexa con menos poder pero máis libre”. Ademais, a convivencia coas outras relixións “debe levar ao diálogo interrelixioso, que reflicte a pluralidade de confesións”, engade.

No seo da propia Igrexa galega, o descenso de fieis traduciuse no envellecemento dos sacerdotes e no descenso das vocacións. Hai un ano, a franxa de idade de dous terzos dos cregos da Diocese de Santiago situábase entre os 66 e os 90 anos. E os aproximadamente 1.800 sacerdotes que se distribúen entre as 3.644 parroquias das cinco dioceses da comunidade galega teñen unha media de idade de 66 anos, co que non é arriscado suxerir que a Igrexa afronta unha crise vocacional que impide que se leve a cabo un relevo xeracional no sacerdocio. Iso por non mencionar que un mesmo crego debe atender numerosas parroquias, e abundan os casos nos que moitos templos parroquiais, ante a carencia de relixiosos, deben limitar o horario de apertura e mesmo pechar ao culto.

Así, non é de estrañar que, despois de tres décadas sufrindo un progresivo descenso de vocacións, ante o envellecemento do sacerdocio e a falta de seminaristas para atender toda a demanda, o Arcebispado de Santiago traballe no impulso das denominadas unidades pastorais. Estes organismos, de recente creación, coordinan o despregamento de persoal sempre en menos dunha ducia de parroquias e implican os segrares nas actividades a realizar, ante a imposibilidade de que os cregos as saquen adiante por si mesmos. Isto é o que permitiu estampas impensables hai anos nos templos galegos, como as chamadas celebracións da palabra, cerimonias similares á misa pero coa salvidade de que non as oficia un crego, xa que a comuñón foi consagrada con anterioridade.

VODAS E BAUTIZOS CIVÍS

Nos últimos tempos, este declive da fe católica xerou novas prácticas litúrxicas laicas como os bautizos civís, que se uniron aos xa habituais matrimonios civís, que xa están por riba dos eclesiásticos. E, aínda que Galicia é a comunidade española onde existen máis matriculados na materia de Relixión e só o 20% dos estudantes optan por outras actividades alternativas, máis de 800 persoas decidiron apostatar nos últimos seis anos, dándose de baixa nos rexistros eclesiásticos, un fenómeno en aumento sobre todo entre a xuventude. “Estas prácticas son o resultado máis evidente do afastamento dunha parte da sociedade da Igrexa católica. A tutela da Igrexa sobre a nosa sociedade é tan coactiva que provoca rexeitamento no peor dos casos ou indiferenza no mellor”, conclúe a socióloga Rosa Cobo.

Fonte: www.xornal.com/artigo/2010/11/14/suplementos/contexto/crise-fieis-dunha-igrexa-aferrada-dereita/2010111400052300465.html

http://www.xornal.com/artigo/2010/11/14/suplementos/contexto/crise-fieis-dunha-igrexa-aferrada-dereita/2010111400052300465.html