Manifesto as Persoas Primeiro: fronte o incumprimento dos compromisos en cooperación ao desenvolvemento

A Coordinadora de ONG para o desenvolvemento de España elaborou un manifesto co fin de denunciar os recortes en materia de axuda ao desenvolvemento do Estado Español. Podedes apoiar esta campaña asinando tamén o manifesto, aquí.

MANIFESTO DAS ORGANIZACIÓNS MEMBRO DA COORDINADORA ONGD-ESPAÑA FRONTE O INCUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS EN COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO

AS PERSOAS PRIMEIRO – DESENVOLVEMENTO HUMANO E CRISE FINANCEIRA

A crise financeira mundial ten responsables concretos e coñecidos. E aínda están pendentes as medidas que poñan un prezo a esa responsabilidade. Tamén están pendentes as decisións que permitan transformar o mercado financeiro e o actual modelo de desenvolvemento nun sistema máis equitativo, xusto, sostible e humano, e que impidan que os mesmos responsables volvan actuar impunemente.

Pero mentres tanto, esta crise xa está cobrarse vítimas. Non vítimas simbólicas. Vítimas con nomes e apelidos, máis de 1.020 millóns de persoas entre as poboacións máis vulnerables do planeta, principalmente en países e zonas moi distantes das bolsas de valores e das sedes dos grandes bancos e institucións financeiras. Tamén hai vítimas nas nosas rúas, afectando sempre aos máis vulnerables.

É inadmisible, e eticamente reprobable, que as medidas para loitar contra a crise financeira se fagan en contra do Desenvolvemento Humano e dos Obxectivos do Milenio. Por principios e por coherencia. Por principios como a xustiza social, a defensa dos dereitos humanos e a solidariedade cos máis febles. Por coherencia con todos os compromisos asinados, internacionais, nacionais e locais, polos nosos gobernantes e políticos, comezando pola Declaración do Milenio, seguindo polo Pacto de Estado contra a Pobreza e terminando cos pactos e compromisos das administracións autonómicas e locais. O incumprimento dos compromisos asinados en nome da cidadanía e comprometidos coa sociedade non constitúen o mellor activo para un representante político.

A Axuda Oficial ao Desenvolvemento non é un luxo para tempos de bonanza, nin unha esmola para cando as arcas están cheas. É unha necesidade vital para millóns de persoas, é un imperativo ético e moral que responde a criterios de xustiza, ademais de constituír un compromiso asinado e unha obriga dos poderes públicos. Detrás non hai estatísticas, nin porcentaxes… Hai vilas, comunidades, sociedades, persoas, alimentos, pozos de auga, escolas, medicamentos, centros de saúde…

A sociedade española expresou reiteradamente o seu compromiso solidario cos máis necesitados e ten que respectar esa vontade manifesta. E, de maneira significativa, expresou o seu rexeitamento á medida de recorte da axuda aos países máis empobrecidos.

Pedimos aos nosos representantes políticos que tomen conciencia. Que tomen conciencia dos seus actos. E das súas consecuencias. Que non actuen desde a presión a curto prazo dos mercados. Que o fagan desde a responsabilidade moral de ter nas súas mans o destino de centos de miles de persoas.

Aínda que estes non teñan posibilidade de votarlles nas próximas eleccións, millóns de cidadáns si poderán facelo e esixirán principios e coherencia.

As organizacións e cidadanía abaixo asinantes realizan un chamamento aos líderes políticos e de goberno das administracións e institucións públicas para que:

1 – Impulsen medidas de loita contra a crise que se dirixan prioritariamente cara aos responsables e causantes da mesma mediante a creación dunha taxa ás transaccións financeiras, medidas fiscais que recaian sobre quen máis ten e recortes que non actuen contra o gasto social e a economía produtiva.

2 – Reiteren o seu compromiso coa loita contra a pobreza, co Desenvolvemento Humano e cos Obxectivos do Milenio, mantendo os seus compromisos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento tanto a nivel estatal como nas administracións autonómicas e locais, nas que a participación e vinculación da sociedade civil coa cooperación ao desenvolvemento é aínda máis próxima e directa.

3 -E a aqueles dos nosos gobernantes e políticos -no goberno central, comunidades autónomas e concellos- que anunciaron medidas de recorte neste sentido, pedímoslles que tomen conciencia dos seus actos. E das súas consecuencias. E rectificen.