Celebramos a festa de A Bouza 2010

Moitos de nós o primeiro que fixemos ao espertar foi mirar pola fiestra. Observabamos un ceo despexado, cos primeiros raios de sol que prognosticaban unha boa e agradable xornada na nosa festa de A Bouza. O prognóstico foi acertado.

Á primeira hora da mañá os máis pequenos pasárono ao grande cos xogos colectivos e obradoiros. Acto seguido había que repor forzas, e que mellor que un xantar comunitario á sombra brindada por eses carballos centenarios que adornan a nosa Bouza.

Degustáronse as mellores empanadas, tortillas caseiras e un bo viño da zona.  Tras a sobremesa comezaron os xogos dos adultos. Como vén sendo habitual a chave foi a protagonista. Unha gran competición moi rifada ata o final.

O folclore de Rueiro deixou a todos coa boca aberta. Comenzaron coas novas promesas, pandereteiras, que puñan a pel de galiña. A estas lle seguiron a seguinte xeración para concluír a súa intervención cos bailes aos que xa nos teñen moi afeitos.

O rei da merenda foi o típico bocadillo de chourizo, que a esas horas da tarde comía sen querer.A nosa festa serviu para reivindicar por enésima vez o Centro Cultural que non acaba de chegar. Seguiremos nesta liña ata que o consigamos. ¡Coia non se rende!

Como novidade, este ano púxose en marcha un pequeno mercadiño de troco de obxectos ou servizos. Como xeito de presentación do que está a funcionar  na parroquia, o Parrotroca, un taboleiro que recolle información sobre  intercambio de bens e servizos.

A Bouza é de todos e para todos. Por iso tivemos a oportunidade de convivir con colectivos desfavorecidos que atoparon unha gran acollida e unha man amiga que lles axuda a seguir adiante.

Coa queimada clausuramos esta Romaría desexando que pasen outros 365 días para volver reencontrarnos de novo neste medio natural.

Podedes ver as imaxes da festa na Galería de imaxes.