Charlas de Coresma con Xesús Díaz

Como estaba programado no calendario parroquial 2009-2010 leváronse a cabo este pasado fin de semana as charlas de Coresma nas que contamos para a nosa reflexión coas achegas do teólogo dominico Xesús Díaz Sariego.

Na charla do venres 12, Xesús abordou o tema “DO MALESTAR RELIXIOSO AS NOVAS DEMANDAS DE ESPIRITUALIDADE”. Fixo unha análise do malestar da Igrexa Catòlica ante o pluralismo relixioso, ante a perda de poder na sociedade, e ante a diminución dos seus fieis. Engadiu que a súa reacción ante ese malestar é unha volta atrás reforzando a verticalidade e as normas. Con todo a reacción de moitos católicos vai noutra liña, a liña marcada polo Vaticano II, de diálogo co mundo civil e relixioso producíndose así un cisma dentro da Igrexa que non leva consigo necesariamente a unha ruptura como noutros tempos, pero que causa malestar. Imos ir pasando dun cristianismo sociolóxico e omnipresente a outro en minoría, laical, convencido, que constrúe a súa fe na volta aos origenes do cristianismo e temos que ilo preparando xa.

Na charla do sábado o tema titulouse “DO PODER A XUSTIZA E DA XUSTIZA A GRATUIDADE”. Foi unha análise das nosas relacións habituais: de poder, normativizadas, de xustiza e de gratuidade. Xesús de Nazaret recolle o avance que se vai dando na historia a favor das relacións de gratuidade e dálles unha fundamentación clara: Deus Pai e Nai e a súa vontade de facer deste mundo unha gran fraternidade. A verdadeira “conversión” coresmal e cotiá está na “conversación”, sobre todo no compartir e conversar co que é diferente cara á construción da fraternidade.