Decrecemento cara o cambio social

Durante a pasada fin de semana xuntámonos ao redor de 50 persoas de media para reflexionar sobre o decrecemento como camiño cara o cambio social, no marco das xornada organizadas por ARELA nos locais parroquiais.

Na mañá do sábado Manoel Santos (de Altermundo) desmontounos o mito do Crecemento, que nos vende o capitalismo neoliberal, que fai crer que o crecemento (da economía) é o camiño para conseguir o progreso e o benestar da humanidade e deunos varias pistas prácticas para vivir mellor con menos.

Na tarde do sábado vimos e reflexionamos sobre o documental “Simplicidad voluntaria y decrecimiento” (que podedes ver no enlace http://embedr.com/playlist/simplicidad-voluntaria-y-decrecimiento) e tivemos unha charla de Iago (de Verdegaia) sobre a nosa pegada ecolóxica.

O domingo pola mañá Eva e Marga (de Amarante) conduciron un obradoiro no que comparamos como é a realidade co sistema actual en varios ámbitos (economía, relacións persoais, enerxía, transporte, sexo-xénero, territorio, sanidade,…) e como podería ser esa realidade seguindo as propostas de decrecemento que traballamos o sábado.

Deixounos esperanzados en que existen novos vieiros de mellora real, que deben comezar co cambio das nosas actitudes individuais e trasladarse ao avance do colectivo e comunitario, traballando de xeito organizado con outros movementos.