Os Reis Meigos visitan Coia outro ano máis

No día de onte volvemos vivir unha tarde máxica. As súas Maxestades, os Reis de Oriente, acompañados duns paxes de primeira, chegaron de novo ao noso barrio ás 17h00. O punto de encontro era a Praza do Pobo. Alí os máis pequenos, e moitos deles por primeira vez, tiveron o primeiro contacto cos Reis quen repartiron moitos caramelos, sorrisos e apertas. Acto seguido lanzáronse os globos de papel ante a expectación de todo o mundo.

Na parroquia, tivo lugar a acollida dos Reis Meigos co primeiro encontro co Neno Jesús. Logo deuse paso ao «gran desfile» de pequenos e maiores, en torno ás 300 persoas, para entregarlles as súas cartas a cambio dunhas palabras, unhas apertas e un puñado de caramelos.

As panxoliñas acompañaron todo o serńa a cargo dun grupo de voluntarios que se entregaron de corpo e alma. Como as tardes son frías nesta época, non podía faltar o chocolate con pastas que xa está sendo un clásico nesta Festa. Cando nos demos conta eran xa as 19h30. Aos nosos Reis Meigos quedáballes unha longa noite percorrendo casa por casa para cumprir o desexo de todos nós. Podedes ver algunhas imaxes do acontecemento na Galería de Imaxes.