Andrés Torres Queiruga, cunha linguaxe coloquial e sinxela, na charla de onte foinos dando algunhas pautas a ter en conta cando unha comunidade proponse entrar seriamente na lectura da Biblia. As pautas serían as seguintes:
– Antes que a Biblia é a vida dun pobo durante un milenio. E logo vén a posta por escrito das súas experiencias relixiosas. Por iso non hai un único autor senón múltiples, como hai múltiples libros; de aí a palabra “Biblia” que poderiamos traducir como “biblioteca”. Nesas experiencias que un pobo vai captando atópase a REVELACIÓN de Deus.
– Pero Deus non se revela “ditando” aos autores da Biblia. Eles son os que van descubrindo na vida o paso de Deus. Van pasando do politeísmo ao monoteísmo… Van recollendo a sabedoría relixiosa doutras culturas coas que van tomando contacto… Pero Deus non “dita”. Nalgún tempo pensábase así, que Deus ditaba, e ata que a Biblia encerraba a verdade completa en todas as ordes da vida. E así se cometeron torpezas como a condena de Galileo da que a Igrexa tívose que retractar máis tarde. A Biblia non posúe a verdade científica.
– E en canto á verdade relixiosa se queremos descubrila nela ten que ser lendo a Biblia cos ollos de Xesús. Así por exemplo hai xeitos de describir a Deus (parcial cun pobo e marginador doutros, vengativo, castigador, etc…) que temos que ir corrixindo coas palabras de Xesús. Hai salmos da Biblia que non se poden rezar. Hai textos que non se poden ler nas celebracións. Xesús é a imaxe máis perfecta de Deus e cos seus ollos temos que mirar ó Deus da Biblia.
– Hai moitas cousas na Biblia que son un anticipo da mensaxe de Xesús. Así por exemplo o Libro do Profeta Oseas onde este compara a súa experiencia de perdón e amor incondicional co xeito de ser de Deus. E é que a primeira revelación de Deus é a creación e nela nós mesmos. E o mellor que temos nós é o noso corazón. Por iso a Biblia só lese ben cando se le desde o corazón: “a Biblia e o corazón din o mesmo”.
– Deus revélase a todos pero non todos temos o oído disposto para a escoita. Os humildes e sinxelos están máis preparados para a escoita que os poderosos.
– Outra cousa é que non podemos crer cegamente no que se di na Biblia. Debemos crer cando esa experiencia que lemos fixémola nosa. E un xeito precioso de ler a Biblia é en comunidade onde contrastamos diversas experiencias persoais en relación co que o texto leido dinos. Porque a revelación de Deus segue viva e hoxe está na vida; está en nós.
– Tamén temos que ter en conta que a Biblia é un libro relixioso e non de moral. Non nos dá receitas para os problemas que se nos presentan. Se o facemos así lemos a Biblia mal. A moral temos que facela de xeito conxunto con outras instancias relixiosas e ideolóxicas que existen no noso mundo.
– O valor principal que segundo o relator transmítenos Jesús na súa oración é o da CONFIANZA. Se hai algo máis importante que podemos captar na Biblia é esta actitude que Xesús viviu plenamente na súa relación con Deus.