Carta – Convite á XXXII Romaxe

Benquerida Irimega, benquerido Irimego: Sirvan estas letras para dicirche que o segundo sábado de setembro, neste caso o día 12, agárdante en Aguiño para celebrar a XXXII Romaxe de crentes galegos que nesta ocasión ten coma lema: “UN MAR DE GRAZAS”.

 Agárdate Paco de Aguiño. Escoitando as súas palabras quizais teñas a sensación de non saber ben se andamos para atrás ou para adiante ou se, simplemente, non andamos: desprezos e persecucións por promover o galego; desprezos e marxinación por tomarse en serio as consecuencias do Concilio e apostar por celebracións relixiosas alternativas liberadas do ritualismo afogador; desprezos e acusacións por tratar de facer realidade outra Igrexa e outra Sociedade… Con todo, el seguirate convidando a manter viva a esperanza e a confiar no Alento que nos ofrecen para a loita diaria a Nosa Señora dos mares  e o Señor Resucitado. E, antes de despedirse,  contaronos o seu segredo para resistir: “Cada noite, antes de pechar os ollos lía un pouquiño o evanxeo, e logo coa luz apagada sentía que estaba con Xesús e coas súas discípulas e discípulos por aquelas terras lonxanas. O Xesús asaba peixes na beiramar, e miraba para min, e dicíame: veña Paco, colle un xurelo…e dicíamo en Galego!”.

Agárdate a Serea que che irá contando paseniñamente a historia do pobo de Aguiño: as súas orixes, os seus gozos, as súas tristuras, as sombras e luces; e, sobre todo, coa Serea farás memoria agradecida de Cipriana, Josefa, María e Cipriana que se botaron ao mar a salvar vidas de mariñeiros cando o océano embravecido esmagou ao barco Santa Isabel no 1921.

Agárdante o Frade e a Meiga que, tras tantas romaxes de descanso, volven onda nós para recordarnos que “a loita da fe e da galeguidade segue acesa e non hai que descoidarse que che hai moitos que queren apagar este lume prendido no corazón da xente galega”.

Agárdante as amigas e amigos de A Quenlla cos seus cantos de festa e de profecía.

Agárdante os homes e mulleres, os mozos e mozas de Aguiño que celebran con gozo e con esperanza e con moita gratitude os 50 anos da creación da súa parroquia e que levan moito tempo empregado para darche a mellor das acollidas e benvidas.

Agárdante compañeiras e compañeiros de todos os recunchos de Galicia que día a día traballan por seguir facendo posible unha Igrexa que, amais de “pisar chan galego” sexa verdadeiramente galega nas súas expresións e nos seus compromisos e, por iso mesmo, verdadeiramente universal. Todas e todos xuntos expresaremos un mar de grazas: “Grazas a Deus Pai-Nai que nos convoca en Irmandade na beira do mar. Grazas por 50 anos de parroquia e 32 anos de Romaxe. Grazas pola xente sinxela, polas mulleres e homes humildes, pola xente que sofre maltratos e inxustizas porque nos amosan o camiño da loita ante a Vida. E grazas pola nosa nai Galiza e as súas xentes, pola lingua que falamos, e que outros queren quitarnos!”.

Agárdate Xesús de Nazaré, que no medio das túas canseiras e decepcións quere dicirche ao corazón: “Achegádevos a min todas e todos os que estades cansas e oprimidos, que eu vos aliviarei. En min ides atopar acougo para as vosas vidas porque eu estou sempre acompañándovos e alentando os vosos pasos”.

Ata o 12 de setembro, e un mar de grazas!

Ah! E unha cousa moi importante: Un dos símbolos da celebración irimega será a auga. Por iso precisamos que cada un dos colectivos que vos acheguedes á celebración traiades un pouco de auga que sexa da vosa zona. Despois xuntarémolas todas dicindo de onde proveñen e expresaremos deste xeito a nosa unión dende a diversidade dos lugares, orixes e procedencias.

XABIER BLANCO