Pasamos unha tarde sen praia co Imán na rúa do Príncipe

O grupo Imán convocou unha acto sociocomunitario na rúa do Príncipe no que baixo o lema "Unha tarde sen praia" quería poñer na axenda da clase política a apertura do tan necesitado albergue para persoas sen teito e aproveitar para lembrar que na nosa cidade seguen a morrer persoas por causa da pobreza. Deixamos o texto lido no acto de onte e o enlace á nova publicada no Faro de Vigo.

Acto sociocomunitario "Unha tarde sen praia", Albergue xa para as persoas sen teito
 
Como xa é costume para nós, traemos un agosto máis as nosas toallas de praia á rúa do Príncipe para confeccionar con todas elas un tapiz multicolor e solidario. Un tapiz co que pretendemos expresar publicamente a nosa indignación e pesar ante a situación de confrontamento entre os responsables do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia en relación ó proxecto do Centro de Emerxencia Social; situación que está a demorar ata o insoportable a apertura deste espazo urxentemente necesario.
 
Hoxe nesta rúa queremos denunciar o incumprimento das promesas feitas e esixir que Concello e Xunta acometan sen demora e con responsabilidade unha negociación que culmine na inmediata apertura do Centro de Emerxencia Social na nosa cidade.
 
Publicamente afirmamos que non estamos dispostos a permitir que a falta de vontade política nin os intereses partidarios impidan que dito servizo abra as súas portas canto antes. As persoas sen fogar non poden aceptar nin unha demora máis. Mentres os políticos fan promesas que finalmente non cumpren e realizan declaracións públicas nun sentido e no contrario, as pesoas sen fogar loitan por sobrevivir en condicións realmente adversas: enferman ou ven como se agravan as súas doenzas, malviven en situacións indignas, e mesmo, con dolorosa frecuencia, atopan a morte.
 
Por iso non queremos rematar este acto sen lembrar a catro persoas sen teito que faleceron recentemente na nosa cidade. Tres deles na primeira quincena do mes de xullo, nunha infravivenda, nunha choupana e nun portal dunha céntrica rúa respectivamente; o último hai apenas uns días nun recuncho do noso Casco Vello. Os catro veñen a se engadir á listaxe interminable, insufrible, de compañeiros e compañeiras empobrecidas que atoparon a morte antes de ver que Vigo contaba cun Centro de Emerxencia Social para as persoas sen fogar.
 
No seu nome, no nome de todas as compañeiras e compañeiros finados ó longo destes máis de 13 anos que levamos loitando por un albergue de titularidade pública, dirixímonos ós responsables políticos para que deixen a un lado intereses e diferencias, e pacten dunha vez por todas a inmediata apertura do Centro de Emerxencia Social na nosa cidade.
 
Rúa do Príncipe, luns 24 de agosto de 2009