Achegamos este artigo escrito por Manoel Santos que podemos atopar na web de Altermundo baixo o título de "Igrexa de ricos, igrexas de pobres".
"…no país con máis católicos do mundo a Igrexa vaticana formal perdeu millóns de seguidores nas últimas décadas.
No pasado Foro Social Mundial (FSM) de Belém (Brasil) calquera podía entender por que no país con máis católicos do mundo a Igrexa vaticana formal, ese ente ultraconservador que se rexe por unha opulenta monarquía radicada no lugar máis afastado dos pobres do mundo, perdeu millóns de seguidores nas últimas décadas."
Digo "igrexa formal" porque non todos eses desertores do Vaticano recaeron, como din, en igrexas como a evanxélica, senón tamén en doutrinas derivadas da católica-romana, como a da teoloxía da liberación, que dende o cono sur ten conquistado os corazóns de millóns de desposuídos no mundo. Os analistas de Ratzinger, coma antes os do celebrado Wojtyla -baixo cuxo reinado se deu o meirande abandono de fieis-, só foron quen de chegar a conclusións cando menos inocentes, malia que non é a inocencia unha virtude dos millonarios de San Pedro. O éxodo cara ás asembleas de Deus evanxélicas debíase ao ton xubiloso das súas misas e á linguaxe informal dos predicadores. E con respecto da teoloxía da liberación, o Vaticano resolveu máis ca nada practicando a excomuñón aquí e acolá e pechando os ollos á realidade.
Alén de que, efectivamente, as misas evanxélicas están máis en consonancia cos tempos que vivimos nas formas, obvian no Vaticano que no Brasil non hai barrio no que non exista unha ou varias desas asembleas de Deus, nas que unha poboación na súa maioría pobre busca fuxir un tempo da dureza da vida e crer nunha esperanza. Velaí o verdadeiro valor, se ten algún, da relixión. Ora ben, capelas ben poucas.
Falaba do FSM, porque nos seus espazos eran centos as organizacións relixiosas -de base- que celebraban actos de todo tipo e todos ateigados. Aforraba xa que logo moitas explicacións e análises o feito de ver que moitos relixiosos e relixiosas estaban a carón do pobo, falaban con eles da crise, da mudanza climática, de xeopolítica? da vida, sempre sentados nas mesmas cadeiras, sen púlpitos, altares e mitras de por medio. Prófugos do Vaticano, como Leonardo Boff ou Frei Betto, seguidores da teoloxía da liberación, eran escoitados por centos de persoas, que podían parolar con eles como amigos, e unha das tendas máis concorridas da vintena que había na Universidade Rural era a da Irmã Dorothy, que tiña como obxectivo dar visibilidade ao traballo misioneiro xunto aos pobos amazónicos. Vaia, que a militancia relixiosa do pobo brasileiro -extremadamente maior cá europea- tiña unha explicación.
Namentres, o arcebispo José Cardoso Sobrinho excomungaba este mes a nai e os médicos que lle practicaron un aborto a unha nena de nove anos, preñada de xemelgos logo de ser violada polo seu padrastro. E o rei Ratzinger viaxaba a África para ter a noxenta ocorrencia de censurar o preservativo como método contra a sida. Vaia desprezo aos 25 millóns de infectados do continente e vaia favor aos que virán! Podían aprender de Boff: "A Teoloxía da Liberación é a primeira teoloxía moderna que asumiu un obxectivo global: pensar o destino da humanidade dende a condición das vítimas".