Acto de rúa anti-OTAN, e presentación da campaña de: Obxección Fiscal 2009

Co lema "Plantémoslle cara ás guerras, plantémoslle cara á OTAN" o Espazo Aberto Antimilitar convoca un acto de rúa anti-OTAN co fin de presentar a campaña de Obxección Fiscal 2009 que este ano porá o seu foco nas actuacións da OTAN aproveitando o 60 aniversario desta organización.

O acto de presentación será o sábado 4 de abril ás 18.30 no cruce de Colón coa rúa do Príncipe, onde se dará lectura do texto e teremos a oportunidade de xogar ao "Xogo da OTAN".

Se queredes coñecer máis en profundidade que é e como se fai a obxección fiscal, so tedes que visitar a web do Espazo Aberto Antimilitar: www.nonaogastomilitar.org

A guerra non se fai para gañala, faise para que sexa continua. O acto esencial da guerra moderna é a destrución dos produtos do traballo. A sociedade xerárquica só é posíbel baseándose na pobreza e na ignorancia. Por principio o esforzo bélico planifícase para manter á sociedade ao borde da inanición. A guerra faina o grupo dirixente contra os seus propios súbditos e o seu obxecto non é a vitoria sobre Eurasia ou Estasia, senón manter intacta a mesma estrutura da sociedade

Fragmento do filme “1984”

 

Co gallo do 60 aniversario da organización militar que leva por nome OTAN queremos manifestar:

Desde a fin da chamada Guerra Fría, dito organismo reinventouse a si mesmo como unha ferramenta para a acción militar da intitulada “comunidade internacional”. Porén, trátase dun medio de natureza exclusivamente militar co obxecto de arbitrar medidas excepcionais en caso de conflito armado. A OTAN foi ideada polos Estados Unidos de Norteamérica para un fin moi concreto –a guerra- e conta con bases militares por todos os continentes, ninguneando o control da ONU e mesmo do dereito internacional, acelerando a militarización da sociedade e incrementando o gasto en armamento dos respectivos gobernos aliados. Aspecto a ser tido moi en conta xa que os países da OTAN representan o 75% dos gastos militares a escala planetaria.

En Europa a OTAN está agravando tensións que se crían superadas, alimentando a carreira armamentística con toda clase de útiles de combate, un enorme arsenal nuclear e unha industria militar en constante evolución. Non é un secreto para ninguén que as políticas da UE están cada vez máis vencelladas ás necesidades da propia OTAN. A potencial expansión da Alianza Atlántica a Europa oriental e incluso alén ou as coñecidas como operacións “fóra de área”, están a facer do mundo un lugar inhóspito. Cada avance da OTAN en materia de coalicións aumenta o risco de guerra, incluído o perigo dunha confrontación nuclear.

Polo que respecta ao Estado español, dende a súa incorporación á OTAN mediante a farsa dunha consulta popular no ano 1986, áchase supeditado aos intereses xeoestratéxicos da Alianza, eludindo calquera tipo de responsabilidade -individual ou colectiva-, ben sexa no despregue de tropas alí onde se precisen: Afganistán, Kosova (da que fuxen agora tardiamente), Líbano, Forzas de Resposta da OTAN, ben facilitando recursos loxísticos (espazo aéreo, subministros), ben coa venda de armas a países en conflito (Israel) ou opresores dos seus propios pobos (Marrocos, Arabia Saudí, Colombia, Turquía). Todo isto baixo o pretexto da seguridade internacional e o reforzamento dunha falsa idea de democracia.

Para mellor acadar o noso obxectivo, en tanto que Espazo Aberto Antimilitar, rexeitamos as fórmulas militares á proliferación de crises territoriais, entendendo que estas son parte do problema non parte da solución. Negámonos a vivir baixo o terror permanente da ameaza nuclear e dunha outra carreira de armamento. Temos a obriga de eliminar os gastos militares, empregando tales recursos a satisfacer as necesidades humanas máis básicas. Pularemos por pechar todas as bases e estruturas militares que dan cobertura a intervencións de carácter bélico. Aliás, debemos desmilitarizar as relacións entre pobos para así establecer novas formas de convivenza baseadas na solidariedade e apoio mutuo.

Un comentario

  1. Hi , I do believe this is an excellent blog. I stumbled upon it on Yahoo , i will come back once again. Money and freedom is the best way to change, may you be rich and help other people.

Los comentarios están cerrados.