Presentamos a nota enviada polas bispos de Galicia ante as próximas eleccións ao Parlamento de Galiza.
NOTA DOS BISPOS DA PROVINCIA ECLESIÁSTICA ANTE AS PRÓXIMAS ELECCIÓNS AO PARLAMENTO DE GALICIA
Como Bispos da Igrexa que peregrina en Galicia, en cumprimento do noso deber de pastores, dirixímonos aos católicos e á opinión pública en xeral, co fin de recordar, neste momento das eleccións democráticas ao Parlamento Autonómico, algúns aspectos do Maxisterio da Igrexa sobre o home e a sociedade.
1- Elixir libremente aos nosos representantes políticos, emitindo o voto en conciencia, é unha das esixencias da dignidade humana e da nosa responsabilidade ante o próximo e ante o ben común.
2. A participación na acción política é parte tamén do compromiso do cristián no mundo. As opcións políticas dos católicos deben estar en harmonía cos valores do Evanxeo, sendo coherentes coa súa fe tanto ao elixir coma se son elixidos. Isto significa en primeiro lugar recoñecer ao home a súa condición de fillo de Deus e, desde ela, comprometerse a construír unha sociedade fraterna e xusta, na que cada individuo e cada pobo han de atopar a liberdade e as condicións do seu desenvolvemento espiritual e material.
3. A participación electoral, en concreto, ha de partir do mellor coñecemento posible da xestión realizada polos nosos representantes políticos, tanto no goberno como na oposición, e dos programas políticos dos partidos que se presentan, co fin de valorar eticamente e moralmente a súa actuación e o seu proxecto sobre a persoa e a sociedade.
4. Consideramos algo fundamental que os políticos utilicen a palabra como vehículo da verdade, pois a mentira dana a vida común e a democracia, mentres o respecto pola verdade e o diálogo favorécea. Iso ha de terse en conta para valorar o sentido ético e a capacidade técnica dos candidatos, e para considerar que persoas e propostas poden responder máis adecuadamente aos problemas da nosa comunidade autónoma.
5.Desde esta perspectiva consideramos, entre outros, como criterios que poden axudar a discernir, os seguintes:
– defender a vida humana en toda circunstancia desde o momento da súa concepción ata a morte natural.
– promover medidas económicas e lexislativas, que sosteñan ás familias na xeración e educación dos fillos,
– pór toda dilixencia en fomentar unha real liberdade no compromiso educativo, que promova unha educación integral respectuosa da responsabilidade intransferible dos pais,
– ofrecer proxectos creativos que afronten os problemas da actual crise económica ata as súas máis fondas raíces morais, paliando as súas consecuencias negativas sobre todo naquelas persoas que sofren o paro,
– preocuparse polos grupos sociais máis débiles cunhas políticas que se fundamenten na xustiza, austeridade e solidariedade,
– non reducir a natureza a un mero instrumento a manipular e a explotar, e coidar o medio ambiente.
6. “Vivir en democracia non equivale a unha nivelación cultural e espiritual dos cidadáns no ocultamento ou na negación das súas propias conviccións de orde cultural, relixioso ou moral”. Por iso, a Igrexa, que mantén a súa identidade propia, baseada nos ensinos de Cristo, e que non se identifica con ningún partido político, “invita a todos os cristiáns á dobre tarefa de animar e renovar o mundo co espírito cristián, a fin de perfeccionar as estruturas e acomodalas mellor ás verdadeiras necesidades actuais”2. Neste mesmo espírito, agradecendo aos nosos políticos a súa dedicación e entrega en favor dos demais, exhortamos a todos a exercer o dereito de votar e cumprir con esta obrigación da que só por razóns graves pode un sentirse dispensado.
Rogamos ao Señor coa intercesión de Santa María e do apóstolo Santiago, que as próximas eleccións contribúan ao ben común do noso pobo.
Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2009
Julián, Arcebispo de Santiago
José, Bispo de Tui-Vigo
Luis, Bispo de Ourense
Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Alfonso, Bispo de Lugo