Bautismo de Xesús

"Este é o meu Fillo benquerido"

Lectura do profeta Isaías 42, 1-4. 6-7

Isto di o Señor: Velaí o meu servo, a quen teño collido da man; velaí o meu escollido no que eu me comprazo. Teño posto sobre el o meu espírito: dictaralles sentencia xusta ás nacións. Non berrará, non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas. Canivela fendida non a romperá, e torcida esmorecente non a apagará. Con fidelidade proclamará a xustiza, non desfalecerá nin crebará ata establecer na terra a xustiza, e a súa lei, que esperan as nacións.

Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte, e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións, para que lles ábra-los ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos, da prisión ós que viven na escuridade.

Lectura do libro dos feitos dos Apóstolos 10, 34-38

Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo: -Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. El mandóulle-la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolle-la Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.

Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.

Lectura do Evanxeo segundo Marcos 1, 6b.-11

Naquel tempo, Xoan Batista berraba, dicindo: Despois de min virá alguén máis forte ca min. Eu nin son digno de me abaixar para desamarrar as súas sandalias. Eu vos bauticei con auga, mais el havos bautizar co Espírito Santo.

Naqueles días, Xesús veu de Nazaré da Galilea, e foi bautizado por Xoan no río Xordán. E logo, ao saír da auga, viu o ceo abríndose, e o Espírito, como pomba, descender sobre el. E do ceo veu unha voz: Ti es o meu Fillo Amado, en ti me comprazo.