Carta das ONG’s de Vigo na que lle piden ao alcalde que deixe de negociar coa pobreza

Achegamos a carta escrita por ONG’s e asociacións da cidade na que se reclama a apertura do albergue público para atender ás persoas sen teito da cidade e que a clase política deixe de negociar coa pobreza.

Ademais este xoves 18 estas organizacións convocan un acto de sensibilización á cidadanía de 18:30 a 20:30 na Praza de América (Praza do Emigrante) que consistirá na entrega dunha postal de Nadal e un chocolate quente.

NEGOCIAR COA POBREZA – A “ ZANCADILLA “ DO SR. CABALLERO

CARTA ABERTA AO VICEPRESIDENTE DA XUNTA E AO ALCALDE DE VIGO

As Asociacións e Onegués abaixo asinantes queremos manifestarlle que:

É indignante esta situación. En Vigo estase producindo un novo paradoxo, neste caso dramático e inadmisible.

É unha vergoña o espectáculo de utilizar as “ofertas de investimentos” de distintas institucións e de diferente cor política, co fin de dinamitar ou deixar en ridículo ao adversario político, tanto a nivel partidario como institucional. Agora únese a esta farándula, inaceptable para os cidadáns, o Alcalde, Sr. Caballero.

Sí, vostede, o Sr. Alcalde da cidade de Vigo, ten unha ocorrencia. O edificio elixido, proxectado e coas obras xa adxudicadas, para albergue, gústalle para usos municipais…e pretende que novamente se dilate no tempo a posible -¿ou imposible?- apertura dun albergue que atenda ao colectivo de persoas sen teito existentes nesta cidade, achegando como solución un intercambio de propiedades, sen importarlle o atraso nin as súas consecuencias.

Non, non pode estar ocorrendo isto desde un teórico goberno de esquerdas. Negociar coa pobreza, é o último que nos quedaba por ver aos que utópicamente pensamos e loitamos para que outro mundo sexa posible.

Desde fai anos vimos reivindicando, por parte de diversos colectivos sociais e Onegués, a urxente apertura deste tipo de instalación. A Xunta do PP pouco ou nada fixo para sacalo adiante e o actual goberno camiñou lento, para cumprir a súa promesa, pero polo menos camiñou.

Agora, cando finalmente, desde a Vicepresidencia da Xunta, comunican que xa se salvaron os escollos administrativos, normativos, operativos, etc., etc., -dos que non son culpables as persoas sen teito que durante este tempo teñen enfermado ou falecido- e por fin dase a boa nova de que en marzo 2009 estaría operativo o albergue no edificio do antigo Fogar San Pelaio …, Pois non!!, Nada diso!!, logo de todo o tempo transcorrido con xestións, contactos, fracasos, compadreos, acertos, etc… , aparece a “zancadilla”.

Sí, a “zancadilla”, porque esperar a que todo estea en marcha e solucionado, só pendente da licenza municipal de obras, e nese momento desde a Alcaldía de Vigo realizar unha proposta “bonita, con arquitecto internacional, que nos situaría na vangarda,…” e non sabemos outros posibles argumentos máis…, ademais, así aproveitar para afastar a pobreza da contorna do edificio do Concello… , iso, en linguaxe do pobo, é unha “zancadilla” que fai que o outro titubee e dea traspés.

Sr. Vicepresidente da Xunta, os cidadáns esperamos que non negocien coa pobreza e manteña a súa postura de non entregar o edificio do Fogar San Pelaio e dilatar no tempo o xa solucionado. Sería a última “pinga de leite” para que a xente continúe durmindo na rúa, enfermando e nalgúns casos falecendo.

Se isto ocorrese, a partir de Marzo 2009 algúns cidadáns plantexaríamonos esixir responsabilidades penais aos nosos mandatarios, e asegurámoslles que isto non é unha “zancadilla”.

Vigo, 13 de decembro de 2008

 

Nota: Remítese copia deste escrito ao Valedor do Pobo e medios de comunicación.

Documento asinado por : (no orden do escrito), Comité de Solidariedade Oscar Romero de Vigo – Comunidade Parroquial do Cristo da Victoria – Asociación de Mulleres Dorna – Fundación Sacretariado Xitano – Grupo de Apoio a Inmigrantes C.V. – Fundación Entreculturas – Enxeñeria sen Fronteiras – ONG Taller de Solidaridad – Grupo Auto-apoio VIH/Sida de Adicions “Iman” UAD Concello Vigo – Programa Sereos Casco Vello – Educación sen Fronteiras – Emaus Fundación Social – Fundación Proclade – Medicos do Mundo – Seminario Galego de Educación para a Paz – AIDA – C. Cultural A. Rueiro – Ayuda en Acción – Asociación Amarante – Promundos S. Coop. G. – Intermon Oxfam –