"Envioume para dar a boa nova aos que sofren"
Lectura do libro de Isaías 61, 1-2a. 10-11
"O Espírito do Señor está sobre min, porque o Señor unxiume. Envioume para dar a boa noticia aos que sofren, para vendar os corazóns esnaquizados, para proclamar a amnistía aos cativos, e aos prisioneiros a liberdade, para proclamar o ano de graza do Señor. Desbordo de gozo co Señor, e alégrome co meu Deus: porque me vestiu un traxe de gala e envolveume nun manto de triunfo, como noivo que se pon a coroa, ou noiva que se adorna coas súas xoias. Como o chan bota os seus brotes, como un xardín fai brotar as súas sementes, así o Señor fará brotar a xustiza e os himnos ante todos os pobos."
Lectura da primeira carta do apóstolo San Paulo aos Tesalonicenses 5,16-24
Irmáns: Estade sempre alegres. Sede constantes en orar. Dade grazas en toda ocasión: esta é a vontade de Deus en Cristo Xesús respecto de vós. Non apaguedes o espírito, non desprecedes o don de profecía; senón examinádeo todo, quedándovos co bo. Gardádevos de toda forma de maldade. Que o mesmo Deus da Paz vos consagre totalmente, e que todo o voso espírito, alma e corpo, sexa custodiado sen reproche ata a vinda do noso Señor Xesucristo.O que vos chamou é fiel e cumprirá as súas promesas.
Lectura do santo evanxeo segundo San Xoán 1, 6-8. 19-28
Xurdiu un home enviado por Deus, que se chamaba Xoán: este viña como testemuña, para dar testemuño da luz, para que por el todos viñesen á fe. Non era el a luz, senón testemuña da luz. E este foi o testemuño de Xoán, cando os xudeus enviaron desde Xerusalén sacerdotes e levitas a Xoán, a que lle preguntasen: Ti quen es? El confesou sen reservas: Eu non son o Mesías. Preguntáronlle: Entón,que? Es ti Elías? El dixo: Non o son. Es ti o Profeta? Respondeu: Non.E dixéronlle: Quen es? Para que podamos dar unha resposta aos que nos enviaron, que dis de ti mesmo? Contestou: Eu son a voz que grita no deserto: "Achandade o camiño do Señor", como dixo o profeta Isaías. Entre os enviados había fariseos e preguntáronlle: Entón, por que bautizas, se ti non es o Mesías, nin Elías, nin o Profeta? Xoán respondeulles: Eu bautizo con auga; no medio de vós hai un que non coñecedes, o que vén detrás de min, e ao que non son digno de desatar oa amallós da sandalia.
Isto pasaba en Betania, na outra beira do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.