Lectura domingo

"Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo"

LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL 34, 11-12. 15-17

Así fala o Señor: Velaí, eu en persoa virei seguírlle-las pisadas ás miñas reses e buscalas. O mesmo que mira o pastor polos años, o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado, así eu vou mirar polas miñas reses, e vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.

Eu mesmo apacentarei o meu rabaño, e eu en persoa fareino acougar -é o meu Señor, quen fala-. Buscarei a ovella perdida, farei volve-la extraviada, vendarei a que ten a pata partida, fortalecerei a feble, pero farei que perezan a gorda e a forte. Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor: Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella, entre carneiros e machos cabríos.

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS 1 Cor 15, 20-26. 28

Irmáns: Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído. E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO Mt 25, 31-46

Naquel tempo, díxolles Xesús ós seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.

Entón dirá o Rei ós da súa dereita: Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun forasteiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.

Entón preguntaranlle os xustos: Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos? O Rei contestaralles: Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo. E diralles logo ós da súa esquerda: Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, preparado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.

Entón tamén eles lle preguntarán: Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos? El responderalles: Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min. Estes irán ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna.

Un comentario

  1. Youre so cool! I dont suppose Ive learn anything like this before. So nice to find any individual with some authentic thoughts on this subject. realy thank you for starting this up. this web site is one thing that is wanted on the net, someone with a bit originality. helpful job for bringing something new to the internet!

Los comentarios están cerrados.