Terceiro roteiro contra a especulación e polo dereito á vivenda

O grupo Precarias en Loita convoca o Terceiro roteiro contra a especulación e polo dereito á vivenda, que será o sábado 15 de novembro ás 17.00 nas ruínas do edificio Bandeira (cruce Jenaro de La Fuente e Aragón).

Desta vez percorreremos as rúas próximas ao Calvario, nunha comparsa festiva e reivindicativa para sinalar e denunciar a especulación, vivendas abandoadas, etc. Remataremos ás 19.00 cunha proxección do documental "A cidade perdida" no LS Faísca r/Toledo,9 (tras a igrexa dos Picos).

Máis info en: precarias.arkipelagos.net

"Na procura da cidade perdida"

Cando as condicións materiais de existencia son negadas pola realidade económica entón a ideoloxía dominante fala de crise. Os signos de tal acontecemento se remontan á fin da burbulla inmobiliaria no 2007 para despois estenderse en forma de mancha de aceite a outros sectores que se crían a salvo, en concreto aqueles asociados ao consumo desorbitado de combustíbeis fósiles.

Porén, nada é casual nas sociedades sometidas ao capitalismo rampante. Menos aínda a cuestión do territorio e os seus máis variados usos. A relación íntima entre crecemento urbano e mercado alcanza neste punto proporcións verdadeiramente dramáticas da man da privatización do solo. En efecto, a organización do territorio é a organización da economía.

Neste sentido entendemos que non pode ser tratado como un asunto menor o da apropiación do solo, toda vez que a ausencia dunha memoria colectiva de lugares, barrios e parroquias facilita a súa reconversión segundo os gustos predominantes de cada época. Así o tamaño revela a importancia da obra. Como resultado padecemos un efecto sicolóxico paralizante –un shockfroito
Do impacto visual, anticipando a transformación radical do entorno sen achar outra oposición que a impotencia.

Os dispositivos que fan posíbel o afianzamento de dita reconversión urbana precisan de categorías facilmente asimilábeis. De aí a proliferación de infraestruturas viarias, polígonos industriais, áreas comerciais ou equipamentos dotacionais lugares comúns das políticas municipais en materia de progreso e benestar. Basta con mirar arredor para convencernos disto. Alí onde alcanza a vista só achamos degradación, consumismo e neurose en tanto que estilo de vida moderno.

Este roteiro presenta como novidade respecto aos anteriores o feito de adentrármonos nas terras do antigo concello de Lavadores, en concreto en barrios cunha forte identidade de seu. Riomao, O Pino, San Lorenzo, Canadelo onde aínda perviven os restos daquela memoria semirural entrelazados coa caótica trama urbana local nada ao abeiro do modelo desarrollista de finais do século pasado. Mais as relacións de poder trasladadas a un ámbito específico como pode ser o urbanismo tenden, por forza, a se reproducir ao longo do tempo.

Un roteiro que principia nas desaparecidas Bodegas Bandeira, edificio chamado a ocupar un lugar preferente no reordenamento espacial de O Calvario a teor do convido no Plan de Edificios a Conservar que prevé unha futura área comercial da cadea Supercor, ninguneando a alternativa veciñal a favor de levantar un centro de carácter cultural. De igual modo, aproveitando a moda das humanizacións Jenaro de la Fuente será radicalmente transformada pola construción dun estacionamento subterráneo. Un suculento bocado para o Concello e as construtoras. Así o confort dos peóns tamén é un asunto de rendabilidade económica. De seguido, enlazaremos coa parte baixa de Riomao, un conxunto arquitectónico definido por casas unifamiliares ou edificios cun máximo de tres andares, agora aillado e empobrecido que verá a súa extinción pasto da maquinaria pesada a non tardar como consecuencia da especulación salvaxe. En canto a O Pino e San Lorenzo desposuídos case por completo da súa esencia tralo deseño do nudo de Isaac Peral, agora se ven forzados a unha clandestinidade non desexada como patio traseiro dunha insalubre Travesía de Vigo. Nomeadamente dramática é a situación de Canadelo. Alí constataremos sobre o terreo a devastadora pegada que a AP9 e as vías de RENFE teñen sobre as comunidades humanas asentadas e as secuelas que produce a xestión capitalista da mobilidade nas sociedades desenvolvidas.

En suma, baixo o deterioro e a sucidade xeral da urbe moderna, as ruínas da cidade perdida se revelan ao noso paso.