O sábado 13 de setembro ás 7:30 da maña, salimos da parroquia un autobús para celebrar a XXXI Romaxe de Crentes Galegos en “A Pastoriza”, cabeceira do pai Miño. Un lugar marabilloso coma espazo sagrado no que festexamos a nosa fe enraizada en Galicia e aberta ao Mundo enteiro. Deunos a benvida a parroquia de Baltar, do Concello da Pastoriza, nomeando a cada parroquia, lugar, comunidades ou persoas que estabamos alí presentes. Acollemos tamén ás persoas que non puideron vir, aínda querendo, á xente crente de todo o mundo, cristiáns e non cristiáns, a todo as mulleres e homes que dende a fe relixiosa ou sen ela loitan por un mundo irmandado para todas e todos.
O lema deste ano foi: “REXOS COMA CARBALLOS”. Ter convencementos fortes, ter apostas firmes, xogalo o todo polo todo en ben da xente, en ben de Deus, que todo é o mesmo. “Hai que ter corpo e alma de carballo”.
Celebramos o memorial da cea de Xesús recordando o que el fixo na última cea cos seus discípulos e discípulas, agradecendo a todas as persoas que fixeron posible esta romaxe, e ao Materno Espírito que nos alenta e dinamiza.
Ao final da celebración houbo O BERRO SECO con ese desexo de esperanza e fraternidade para Galicia e para o mundo enteiro, sentíndonos irmáns e solidarias/os coa xente que máis precisa da nosa compaña e da nosa forza.
Entregouse un ramo a próxima comunidade de Aguiño (Ribeira), onde celebrarase a Romaxe de 2009.
Ás dúas xantamos e logo festa con poesías, cancións, músicas… Ás 18.00 tivemos a oración de despedida, mais nós tivemos que marchar xa que o autobús tiña hora marcada para chegar a Vigo.
Mais unha vez recoñecemos que por medio destes encontros sentimos un pobo-mundo, e queremos seguir sendo. Un pobo aberto, un pobo de ríos e de rías, aberto a quen quere compartir o noso pan de cada día, e para sentir e doernos coa dor e a mala vida de millóns de cidadáns do mundo. Grazas á parroquia e a todas/os que nos incentivaron a participar desta romaxe.
Podedes ler o enlace da nova aparecida en Vieiros.