"Día Nacional da Caridade"
{mosimage}
Lectura do libro do Deuteronomio 8, 2-3. 14b-16a
Faloulle Moisés ó pobo e díxolle: – Has de te lembrar do camiño que o Señor, o teu Deus, te fixo percorrer polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e sabe-lo que había nas túas intencións, se ti querías garda-los seus mandamentos ou non. El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de come-lo maná, que ti non coñecías nin teus pais, para che mostrar que o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor.
Acordaraste do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude e foi o teu guía por un deserto grande e terrible, entre serpentes de mordedura queimante e escorpións, a través dunha terra reseca, sen gota de auga; e que fixo saír para ti auga da máis dura das pedras e che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían.
Lectura da primeira, carta do Apóstolo san Paulo ós Corintios 10, 16-17
Irmáns: A copa da bendición que bendicimos, ¿non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, ¿non é unha comuñón co corpo de Cristo?
E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.
Lectura do Santo Evanxeo segundo Xoán 6, 51-58
Naquel tempo, díxolles Xesús ós xudeus: – Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Discutían entón entre eles os xudeus: – Como pode este darnos a come-la súa carne?
Díxolles entón Xesús: – Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do Fillo do Home e non bebéde-lo seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día.
Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ó que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.