Domingo da Ascensión

"Eu estarei sempre convosco"

Lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos 1, 1-11

O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instruccións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera. Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus.
E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días. Os que estaban reunidos preguntábanlle:
– Señor, ¿é agora cando vas restablece-lo Reino de Israel?
El respondeulles: – Non vos acae a vós coñece-lo tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron: – Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

Lectura da carta do Apóstolo san Paulo ós Efesios 1, 17-23

Irmáns: O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.
Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas.

Lectura do final do santo Evanxeo segundo Mateo 28, 16-20

Naquel tempo, on once discípulos foron a Galilea, ó monte onde Xesús os citara.
Vendo a Xesús, prostráronse perante el, anque algúns dubidaban.
Entón acercouse Xesús e díxolles: – Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.