O primeiro que pode sorprendervos é que aquí non facemos exclusivamente catequese para os sacramentos, é dicir, que hai moitos máis grupos que aqueles que se están a preparar para a Primeira Comuñón ou a Confirmación. Isto é o que chamamos un «proceso continuado».
Nós tomamos moi en serio isto da educación na fe, pomos moito esforzo en persoas e recursos ao seu servizo e por iso o proceso catequético ocupa un lugar fundamental dentro da nosa estrutura comunitaria.
A nosa catequese non é adoutrinamento, non bombardeamos a nenos ou adultos con doutrinas que se presentan como únicas e verdadeiras. Tampouco se trata de acumular datos e coñecementos sen máis. Desde logo hai cousas que aprender pero non como se fai na escola ou nunha enciclopedia. Non queremos sabichóns do relixioso, senón verdadeiros cristiáns.
En definitiva, desde a nosa comunidade, educar na fe supón educar para a convivencia, para a vida, para o traballo liberador, para o respecto ao pluralismo, para a reconciliación. Nunha palabra, para a irmandade.
Queremos ler a realidade e a vida desde o punto de vista do Evanxeo, segundo o modelo de Xesús de Nazaret. E facelo en comunidade. Isto, como se pode entender, é labor permanente para toda unha vida e non debería terminar na infancia ou a adolescencia.
Proceso de educación na fe
- Iniciación: 2º PRIMARIA
- Proceso de preparación comuñón: 3º PRIMARIA
- Proceso de Postcomuñón: 4º,5º, 6º PRIMARIA e 1º E.S.O
- Acompañamento cristián de preadolescentes e preparación para a Confirmación:2º E.S.O ata ao redor dos 18 anos.
- Comunidades Cristiás de moz@s
- Comunidades Cristiás de adult@s