Participamos na Festa do Lume 2014 con Irimia

Un ano máis a Asociación Irimia celebrou a súa asemblea anual que como sempre denominamos A FESTA DO LUME. Celebrouse nos locais do Mosteiro de San Salvador de Bergondo amablemente cedidos por Rubén Arámburu.

Comezou a asemblea co repaso das actividades da asociación (Revista, Romaxe, Economía, Renovación de cargos directivos, etc..). E logo dun breve descanso tivemos unha mesa redonda onde se expuxeron distintas actividades que se están a levar adiante no ámbito en que se move a Asociación Irimia e que nos dan luz e esperanza no medio do difícil momento que vivimos. Así nos ofreceron as súas interesantes experiencias Diego Lores pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Marcial pola Cooperativa de Consumo Responsable «Zocamiñoca», Nica como representante das Plataformas Antidesafiuzamentos e Preferentes, Amelia pola Cooperativa de Monitoras de Tempo Libre «Ancares de meu» e Manuel Adame pola Banca Etica «Fiare».

Como se nos dicía na presentación, no medio dos temporais que padecemos hai que deixar brilar tamén o sol. A asemblea continuou co xantar compartido no que como sempre deuse a «multiplicación dos pans». Despois dunha breve sobremesa culminou a xornada coa Celebración da Luz. E todos voltamos aos nosos fogares co desexo de ser mais luz no medio dos nosos espazos de vida.