Estamos en verán, moitas persoas de vacacións e con elas moitas cidades ofrecen espectáculos para atraer turistas. O concello de Vigo dende hai varios anos dedica cartos de todas para organizar o festival aéreo sobre a ría.
O Espazo Aberto Antimilitar ven denunciando os efectos do militarismo e este festival entenden que forma parte da propaganda para lexitimar a guerra.
Este é o texto:
Desde hai varios anos véñense celebrando anualmente en varias cidades do estado español os chamados festivais aéreos, consistentes no desfile de unidades do exército de aire, a mariña, o corpo de paracaidistas, así coma pilotos civís de acrobacias e unidades de bombeiros e salvamento.
Consideramos que este tipo de eventos, presentados ante a cidadanía como atracción turística, son en realidade actos de propaganda dos exércitos e as forzas militares para mellorar a súa imaxe pública e diminuír a percepción negativa que a sociedade ten deles.
A atracción que supón a observación de acrobacias ou de alta tecnoloxía úsase coma escusa para achegar á sociedade o poder militar do estado español coma algo positivo. Mentres tanto continúa habendo presenza militar en conflitos internacionais e seguen exportándose armas a países onde non se respectan os DDHH, converténdose así en cómplice das guerras que ocorren noutros países afastados do noso.
Alén diso estamos nun contexto de crise económica no que se lle pide á cidadanía facer un esforzo e, por iso, recórtase o orzamento para prestacións básicas, servizos públicos ou cooperación ao desenvolvemento. Mentres tanto o gasto en investigación militar e en mantemento do exército segue sendo moi superior ao gasto en educación, servizos sociais, administración pública (funcionariado) e pensións.
Este tipo de actos supoñen un gasto moi elevado e totalmente superfluo para as arcas públicas, a pesar de que se queira xustificar coma un investimento que traerá beneficios á cidade. Este ano debido aos recortes orzamentarios varias cidades planificaran suspender o festival aéreo por falta de recursos, pero finalmente parece que souberon encontrar financiamento, o que non sucede no caso doutras partidas orzamentarias que directamente minguaron ou desapareceron.
Pero o maior custo é o de amortizar o armamento e os servizos do exército español nestes eventos. Incluso a Asociación Unificada de Gardas Civís pide a supresión do desfile do día das forzas armadas polo seu elevado custo.
Cremos que é vergoñento que nun país con case 5 millóns de persoas desempregadas se continúe aumentando ano tras ano a contribución aos gastos militares e dilapidando cantidades inxentes de diñeiro dos e das contribuíntes en festivais de exhibición militar.
Desde o Espazo Aberto Antimilitar queremos reivindicar uns principios contra o gasto militar e o militarismo; principios nos que fundamentamos o noso rexeitamento cara ao belicismo que se oculta nestes festivais e baixo os que subxacen os mesmos valores de violencia, obediencia acrítica e desprezo pola vida humana que constitúen a base dos exércitos.
Por todo isto esiximos que os concellos organizadores renuncien á realización de eventos de carácter militar nas súas respectivas cidades (Cádiz, Xixón, Barcelona e Vigo).
Espazo Aberto Antimilitar
Vigo, xullo 2012
—