Celebración da festa do "Corpo e do Sangue de Xesús"

O próximo domingo celebraremos a festa do «Corpo e do Sangue de Xesús»  á que dende hai anos se suma a campaña do «Día Nacional de Caridade» de Cáritas Española.

Con este motivo traemos esta fermosa reflexión de José A. Pagola sobre «Eucaristía e Crise».

EUCARISTÍA E CRISE

Sabémolo todos os cristiáns. A eucaristía dominical pódese converter facilmente nun «refuxio relixioso» que nos protexe da vida conflitiva na que nos movemos ao longo da semana. É tentador ir a misa para compartir unha experiencia relixiosa que nos permite descansar dos problemas, tensións e malas noticias que nos aprisionan por todas partes.

Ás veces somos sensíbeis ao que afecta á dignidade da celebración, pero preocúpanos menos esquecernos das esixencias que entraña celebrar a cea do Señor. Moléstanos que un sacerdote non se ateña estritamente á normativa ritual, pero podemos seguir celebrando rutineiramente a misa, sen escoitar as chamadas do Evanxeo.

O risco sempre é o mesmo: Comulgar con Cristo no íntimo do corazón, sen preocuparnos de comulgar cos irmáns que sofren. Compartir o pan da eucaristía e ignorar a fame de millóns de irmáns privados de pan, de xustiza e de futuro.

Nos vindeiros anos hanse ir agravando os efectos da crise moito máis do que nos temiamos. O chorro de medidas que se nos ditan de xeito inapelábel e implacábel irán facendo crecer entre nós unha desigualdade inxusta. Iremos vendo como persoas da nosa contorna máis ou menos próxima vanse ir empobrecendo ata ficar a mercé dun futuro incerto e imprevisíbel.

Coñeceremos de pertiño inmigrantes privados de asistencia sanitaria, enfermos sen saber como resolver os seus problemas de saúde ou medicación, familias obrigadas a vivir da caridade, persoas ameazadas polo desafiuzamento, xente desasistida, mozas sen un futuro nada claro… Non o poderemos evitar.

Ou endurecemos os nosos hábitos egoístas de sempre ou nos facemos máis solidarios. A celebración da eucaristía no medio desta sociedade en crise pode ser un lugar de concienciación. Necesitamos liberarnos dunha cultura individualista que nos afixo a vivir pensando só nos nosos propios intereses, para aprender sinxelamente a ser máis humanos. Toda a eucaristía está orientada a crear fraternidade.

Non é normal escoitar todos os domingos ao longo do ano o Evanxeo de Xesús, sen reaccionar ante as súas chamadas. Non podemos pedir ao Pai «o noso pan de cada día» sen pensar naqueles que teñen dificultades para obtelo. Non podemos comulgar con Xesús sen facernos máis xenerosos e solidarios. Non podemos darnos a paz uns a outros sen estar dispostos a tender unha man aos que están máis sos e indefensos ante a crise.