A Asemblea de Crentes Galegos foi o día 26 de abril de 2008, no colexio da Salle en Santiago. Comezou cunha mesa redonda con representantes de CC.OO, UXT, CIG, e SLG.
Podedes ver algunhas imaxes do día na Galería de Imaxes.
“A vida persoal, familiar, social, depende do traballo é o que nos da de comer, é o que posibilita o desenvolvemento integral das persoas e da sociedade a través de medios como o ensino, a cultura, a sanidade, e todo aquilo que procura benestar para todos.” ( palabras do manifesto). A coordinadora de grupos de Crentes Galegos (REDES CRISTIÁS) segundo a súa dinámica fixo unha reflexión mais centrada este curso sobre estes tres aspectos candentes sobre o traballo: A PRECARIEDADE, A SINIESTRALIDADE E OS INMIGRANTES. Estiveron afondando e dialogando cós sindicatos sobre este tema complexo e vital ao mesmo tempo.
Poa tarde manifestáronse publicamente en Compostela, para recabar a atención e o compromiso de todos/as en favor dun traballo digno e beneficioso para todos. Despois da manifestación foi o xantar comunitario e terminou o día cunha Eucaristía. Da nosa parroquia asistiu un grupo, e na organización participaron Luis Calvo e Pili.
Facendo un breve resume do que falouse e do manifesto podemos dicir que A PRECARIEDADE: creceu de forma acelerada nos últimos 15 anos, formouse no noso pais unha sólida e omnipresente “cultura da precariedade”.
– Os empresarios forzaron a eliminación do que eles chaman “rixideces do mercado de traballo” e da economía; para poder responder os cambios e os retos que prantexa a competencia. De alí a FLEXIBILIDADE e a súa consecuencia- “a precariedade”.
– A globalización económica e a deslocalización, que buscan man de obra barata submisa sen dereitos e aprovéitase dos beneficios fiscais xunto coas maiores ganancias posibles convértense en poderosos inimigos do mundo do traballo e das organizacións obreiras. Aínda máis, quere imporlle a toda sociedade como normal a nefasta “cultura da precariedade”.
Fronte a todo isto abogamos por:
– Máis reflexión, formación e sentido critico por parte dos traballadores e da sociedade.
– A defensa do posto de traballo e dun traballo decente e digno como dereito humano irrenunciable.
– A unidade e a sindicalización como expresión da defensa e da forzados traballos.
– Acabar co traballo precario, lixo, negro somerxido (estes dous últimos poden representar ata o 20% do total).
– Facer do traballo humano principio de vida, e facer que sirva para satisfacer as necesidades materias, culturais e espirituais.
A SINIESTRALIDADE:
– É unha praga en España. Chega a dobrar a media de Europa. Prodúcense unhas mil mortes anuais e moitos Miles de sinistros graves e incapacitantes. Galiza ocupa un triste posto de privilexio nesas estatísticas.
– Ata dúas terceiras partes dos traballadores e das empresas non dispoñen de información-formación sobre riscos laborais.
– As subcontratacións dilúen as responsabilidades e a capacidade dos traballadores para defenderse dos riscos laborais.
– As enfermidades laborais son outro capítulo negro e medio oculto, pero de unha enorme importancia e con un gran custo social. O dato de 2004 fala de 14.000 homes e 2.100 mulleres mortos por enfermidades relacionadas coa súa tarefa laboral.
Fronte a todo isto abogamos por:
1.Unhas autoridades laborais que dispoñan dos medios humanos e xurídicos necesarios para cumprir a normativa e poder mellorala sempre que sexa necesario.
2.Que as organizacións Sindicais potencien as súas comisións de seguridade e utilicen o máximo rigor no esclarecemento de tódolos accidentes laborais e na súa responsabilización.
3.Que as forzas vivas nos mobilicemos ante calquera tipo de sinistro grave esixindo seguridade e medidas preventivas.
4.Facer posible que a FLEXISEGURIDADE, reto da Unión Europea, poña verdadeiramente o acento na seguridade e non na flexibilidade ou precariedade do posto de traballo.
OS INMIGRANTES:
– No 2007 había en España catro millóns e medio de inmigrantes. Marrocos e Romania rebasan o medio millón. Ecuador vaise achegando. Son moitos os países que teñen unha representación numerosa (9,93% da poboación total).
– España vai seguir necesitando man de obra. Pero os inmigrantes son máis que man de obra: son persoas familias, necesidades concretas, ademais de produción económica. A recesión económica actual e o paro progresivo constitúen un problema grave e preocupante, sobre todo para os inmigrantes.
– Os inmigrantes en xeral ocupan os postos de traballo peor valorados e son os primeiros en perdelo. Sofren abusos económicos e xurídicos. Padecen aproximadamente un terzo dos accidentes laborais. Veñen o noso pais para mellorar o seu nivel de vida e o seu futuro e o que encontran moitas veces son desgracias.
Fronte a todo isto abogamos por:
1.Unha planificación é unha política seria, respectuosa e igualitaria cós inmigrantes. Os inmigrantes son persoas igual que nos.
2.Que se arbitren plans e medidas especificas para paliar as necesidades e os conflitos derivados do paro que afecta de xeito especial os inmigrantes.
3.Pedimos a todos unha acollida favorable e a maior axuda posible os inmigrantes necesitados.
4.Estar dispostos a denunciar tódolos abusos en temas de vivenda, salarios, etc.
5.Dignificar o traballo dos inmigrantes, sobre todo das mulleres nos diversos sectores. Das 300 mil mulleres que exercen a prostitución en España dicese que o 90% son inmigrantes. No o fan póla súa elección, senón enganadas e obrigadas na súa maioría.
6.Organizar e adaptar todo o proceso laboral e humano ó servizo da persoa, valor supremo e ó que ten que subordinarse todo o demais. Para os que somos cristiáns así nolo prantexan e esixen a Doutrina Social da Igrexa e o Evanxeo.
ESPERTEMOS A REALIDADE DO MUNDO DO TRABALLO!
ASUMAMOS CADA UM O SEU PRÓPRIO PROTAGONISMO E COMPROMISO ACTIVO!
UNÁMONOS NA LOITA SINDICAL E NA DAS DEMAIS ORGANIZACIÓNS POPULARES POLO LOGRO DUN TRABALLO DIGNO, XUSTO E QUE REALICE ÁS PERSOAS, ÓS TRABALLADORES!
(Adaptación do Manifesto de GRUPOS CRISTIÁNS DE GALIZA – (Redes Cristianas)
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2008