Troca para crear outra economía

Estamos a pasar momentos de dificultades económicas para a maior parte da poboación, e como resposta a estes problemas e co fondo de ir creando outro relacións nacen as experiencias de troco. Basicamente consisten en espazos onde se favorece e anima o intercambio de cousas/servizos sen necesidade de cartos. Na cidade xa falamos hai tempo de Vigotroca que leva funcionando varios anos e que a través dos mercadiños de troco na rúa e, sobre todo, da web facilitan outro xeito de acceder a servizos ou cousas sen a mediación dos cartos.

No estado hai moitas experiencias en diversas cidades e tamén na web coma por exemplo: favorece.net, que é unha páxina que é «una original forma de aproximarte a los demás que consiste en ofrecer tu ayuda y pedir favores con el objetivo de mejorar tu bienestar y el de las personas que te rodean.»

Na nosa comunidade puxemos a andar unha iniciativa chamada Taboleiro de Economía Alternativa da Parroquia – Parrotroca, que tras o éxito do mercadiño na festa de A Bouza do ano pasado tivo problemas para atopar un oco nas dinámicas de relación do barrio. Iso si a través da web da comunidade realizáronse numerosos trocos ao longo do ano.

Este sábado na festa de A Bouza haberá antes do xantar unha mesa de troco onde ademais animaremos a ter presente que o troco é moi bo xeito de plasmar os nosos desexos dun novo xeito de manter relacións económicas. Así que xa sabedes levade as cousas que queirades trocar este sábado!