Lembramos que na asemblea parroquial fixamos o decrecemento como tema para reflexionar ao longo do ano nas comunidades, por esta razón achegamos este artigo de Manoel Santos titulado "Decrecer ou… decrecer" que podedes ler en Altermundo.
"Decrecer ou… decrecer", Manoel Santos
Relocalización da economía, a produción e a política. Economía solidaria. Abandono do consumismo e a publicidade. Autoprodución de bens e servizos. Desindustrialización. Desurbanización. Salario máximo e renda básica? Son propostas do decrecemento, algo máis cunha simple teoría.
Nos últimos anos, mais especialmente despois de agosto de 2007, cando a chamada crise económica e financeira estoupaba nos Estados Unidos, vimos oíndo falar de boca de reputados economistas, filósofos e activistas do decrecemento –referido á produción e ao consumo das sociedades capitalistas– coma única alternativa posíbel á crise do sistema neoliberal. Non é unha idea vanal, nin desbotábel en absoluto.
O razoamento da chamada teoría do decrecemento é case de eidapuxa. O sistema imperante basease na falacia de que un crecemento continuo é directamente proporcional ao benestar da humanidade. Disque achega emprego, cohesión social, servizos sociais malia que estes sexan privados, bens materiais a mancheas, tecnoloxías que arranxarán toda disfunción social a longo prazo e que camiña cara unha meirande igualdade entre os seres humanos. Mais a ninguén escapa que este crecemento, que só fala dun medrar infinito na produción de bens e servizos (PIB), non é compatíbel co feito de que se cimenta nun continuo espolio dos recursos naturais do planeta, tanto da materia como da enerxía.
Sendo estes recursos finitos, resulta xa que logo evidente que o crecemento continuo é un imposíbel, e con el camiñamos non só a un cataclismo ecolóxico irreversíbel, senón a unha "deshumanización" da propia especie humana, que extermina culturas, linguas, civilizacións e todo o que signifique futuro. Fronte a isto só parece quedar un camiño, coller a corredoira do decrecemento si o si. En nós está que ese decrecemento sexa sostíbel, controlado, ou pola contra traumático, en forma de recesión primeiro e grave e conflitiva depresión despois, entrando nunha especie de economía de guerra.
Quen defenden o decrecemento afirman que non é posíbel conservar o am-biente, e xa que logo a humanidade, sen camiñar cara a redución radical do consumo e da produción, establecendo unha etapa de transición cara un novo xeito de organización social, unha economía que produza bens en función das necesidades reais de todas as persoas respectando os límites planetarios.
O decrecemento xa que logo non é unha teoría nin un simple anhelo dos mo-vementos sociais. Nin sequera ten un programa concreto. Non existe un comité mundial para o decrecemento nin unha fórmula global para decrecer. De feito, algunhas cousas terán que decrecer, máis outras non. O decrecemento é máis ben unha consigna, ou se cadra unha lei natural inevitábel, tan inevitábel como a noite despois do día, "defendida por quen realizan unha crítica radical do desenvolvemento co obxectivo de rachar o discurso estereotipado e economicista e deseñar un proxecto de recambio para unha política do posdesenvolvemento" (Serge Latouche). Vaia, que como di un dos pais do decrecemento, Georgescu-Roegen, "antes ou despois o crecemento, a grande obsesión dos economistas estándar e dos marxistas, ten que rematar. A única pregunta aberta é cando".
O crecemento non cadra
Segundo a economía desenvolvementista, mentres os indicadores económicos vaian ben, quer dicir cara arriba, o nivel de vida das persoas será mellor, porque estas terán máis bens materiais e sociedades máis tecnolóxicas que axudan a ser máis felices. Deste xeito, nos últimos anos estendeuse por exemplo a idea de que as economías sás tiñan que medrar un 3% anual para manter o benestar e mesmo moitas transnacionais puxeron o límite de crecemento anual nun 7%. Do contrario, o desexábel era a deslocalización para buscar meirandes beneficios.
Habería que dicir, que eses indicadores económicos non parecen fiábeis máis que para facer cadrar as contas anuais dos consellos de administración das grandes empresas e como argumento discursivo do político de quenda. Así, o PIB, ou o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período, é, segundo J. K. Galbraith "un dos xeitos de mentira social máis espallados". De feito, este índice mide exclusivamente a produción de bens e servizos -sexan estes coches fabricados, minerais extraídos, construción de presidios, xestión de desastres naturais ou armas producidas e vendidas-, mais non ten en conta nin a xustiza social nin os custes ambientais, que son básicos para o bo vivir da humanidade, polo que equiparalo ao "progreso" social é unha barbaridade. Como ben di Carlos Taibo: "unha fraga convertida en papel acrecenta o PIB, en tanto que esa fraga indemne, decisiva para garantir a vida, non computa como riqueza".
Só o que produce PIB parece ser desexábel para a sociedade. Deste xeito, unha familia de labregos e de labregas que cultive os seus vexetais para autoconsumo, que críe o gando do que se alimenta e do que obtén traballo nas leiras, que faga o seu viño e mailo seu pan, ou que repare a súa vivenda, non estaría a xerar practicamente PIB, non xeraría riqueza e, xa que logo, para o nocivo sistema que nos domina sería unha familia de infelices que non é desexábel para a humanidade. No entanto, para todos é entendíbel que esa familia produce bens non intercambiabeis por cartos -amais de ter unha independencia envidiábel- que aumentan moito a súa calidade de vida.
Rachando co mito do crecemento
Entre outras, hai dúas cuestións claves que deslexitiman o mito do crecemento:
Primeiro, que non ten xerado tanto benestar como din. Se ben é certo que o crecemento xerou beneficios para a humanidade, isto só é aplicábel a unha minoría, a do Norte global e, ademais, é moi dis-cutíbel que os teitos económicos acadados hoxe sexan beneficiosos mesmo para esa parte da humanidade privilexiada. Ben apunta Carlos Taibo que a meirande parte de sociedades "occidentais" pensan que vivían mellor na década de 1960 -antes do neoliberalismo- e que as porcentaxes de cidadáns que se declaran felices e satisfeitos é cada vez menor. Máis bens materiais, non implican felicidade. É mais, a obsesión pola acumulación de bens xera máis infelicidade.
Por outra banda, hai datos de peso que comproban que o neoliberalismo re-dundou no prexuízo da poboación mundial. Se en 1960 a fenda entre o 20% máis rico do planeta e o 80% máis pobre era de 1 a 30, hogano é de 1 a 80.
En segundo lugar, o crecemento está a superar a biocapacidade do planeta. A produción de bens e servizos necesariamente aumenta o consumo de recursos naturais, e este é moito maior que a capacidade de rexeneración do planeta.
Todos os indicadores apuntan ao esgotamento de recursos. Coas tendencias actuais, que segundo a teoría do crecemento deben aínda medrar, o pico do petróleo producirase entre 2010 e 2040, só queda gas natural para 70 anos, uranio para 80-160, carbón para 150; o cambio climático é un feito, a extinción de especies supera 5.000 veces á de fondo e a metade da diversidade biolóxica pode desaparecer a finais do próximo século?
Un dos indicadores máis empregados para investigar e argumentar sobre os límites do crecemento é o da pegada ecolóxica, isto é, o cálculo en hectáreas do espazo necesario dunha persoa ou grupo de persoas -un país, unha comunidade- dado para obter os seus recursos e desbotar os seus refugallos. Hoxe a humanidade xa está a usar 1,3 Terras -supera a biocapacidade do planeta, que estaría, loxicamente, nunha Terra- e segundo os prognósticos en 2050 usaremos 2 Terras. Un norteamericano precisa 12,9 hectáreas de Terra para producir todo o que consome e botar os residuos que xera, mentres que un habitante de Bangladesh usa 0,56 Terras. A capacidade de carga do planeta é de 1,9 has/habitante. Amais, todos os países do Norte teñen máis pegada ecolóxica da que ten a capacidade de carga do seu país, de xeito que o resto obtéñenno do Sur. Por mor destas cifras, se todos os habitantes da Terra viviran como os europeos precisariamos 3 Terras, e para vivir como os norteamericanos 7.
E un dato para a reflexión: "o único país que en base aos índices de desenvolvemento humano da ONU e o PIB, supera o umbral de atraso, máis mantense dentro dos parámetros da sustentabilidade? é Cuba" (Xan Duro, Verdegaia).